Educación impulsa os Plans Proxecta como vía para mellorar a calidade e a innovación do sistema

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, asegurou que as novas metodoloxías de aprendizaxe requiren da implicación do conxunto da comunidade educativa

Ao abeiro desta iniciativa, no actual curso participan 428 centros que están a desenvolver un total de 791 proxectos concretos

Xov, 09/02/2017 - 18:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria segue afianzando, un curso máis, os Plans Proxecta, unha iniciativa desenvolvida en colaboración con diferentes organismos e que ten como principal obxectivo fomentar a calidade e a innovación educativa nos centros escolares a través de programas específicos que desenvolvan competencias clave, como é a educación en valores, entre outros.

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, deu conta hoxe no Parlamento dos datos do Proxecta ao que no presente curso se sumaron un total de 428 centros escolares, que desenvolven 791 iniciativas concretas nas cales participan uns 91.000 alumnos (un 7% máis que o curso anterior) e 5.300 docentes.

Sistema moderno e actualizado

Segundo explicou Corredoira, este tipo de apostas contribúe a acadar un sistema educativo moderno e actualizado, onde -tal como se está a demostrar con estudios a nivel internacional- “non se pode confundir ‘investir máis’ con ‘investir ben’ “. “A historia, as matemáticas, a bioloxía teñen que ser complementadas co ensino de idiomas, as novas tecnoloxías e a robótica, pero de maneira simultánea coa aprendizaxe en valores sociais como o respecto, a liberdade individual, a convivencia…e ese é o principal obxectivo do sistema educativo baixo o noso criterio”, abondou.

O director xeral de Educación aproveitou para poñer en valor a implicación dos equipos directivos dos centros, así coma dos docentes no desenvolvemento dos plans, que, xunto co resto da comunidade educativa (principalmente alumnado, familias, e diferentes institucións non educativas que tamén participan), resulta “fundamental” para o éxito destas novas ferramentas de traballo que buscan transmitir de maneira transversal valores sociais dentro do proceso de aprendizaxe. “Estamos a falar -dixo Corredoira- do Plan Proxecta como unha experiencia colaborativa de varios axentes, que pretende abrir paso a unha nova metodoloxía de aprendizaxe”.

Novidades no actual curso

Como novidade neste curso 2016/17, cómpre lembrar que se incorporaron nove novos programas a través de diferentes organismos da Xunta, entre eles tres da Consellería de Educación que son os proxectos de innovación en dinamización lingüística (fomento da innovación naquelas accións que impliquen o uso da lingua galega), o Cined (fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo), e Educación en valores e cidadanía global (para promoción e defensa dos dereitos da infancia e do exercicio da cidadanía global e responsable).

En colaboración coa Consellería de Política Social incorpóranse outros tres proxectos que son Voluntariado miúdo (accións que fornezan a educación en valores solidarios, adaptada ás idades dos alumnos), Aulas I+I (inclusión de persoas con capacidades diferentes nas aulas), e o Conecta Cultura (ferramentas didácticas para a abordaxe positiva da multiculturalidade).

A través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, púxose en marcha +Comunidae (un proxecto que afonda na perspectiva cooperativa e de xénero); desde Economía, Emprego e Industria Moitavista na Escola (promoción condutas seguras e saudables); e desde Sanidade Xente con Don (de prevención de prácticas sexuais de risco e loita contra o estigma ou a discriminación)

Trátase, a través do Plan Proxecta, de buscar un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

Para iso, un dos principais obxectivos deste Plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.