Román Rodríguez propón un plan de formación específico para directores para favorecer o seu traballo

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a Xunta Autonómica de Directores, que reuniu en Santiago aos responsables dos centros educativos de Galicia

Mér, 14/12/2016 - 18:00
Román Rodríguez propón un plan de formación específico para directores para favorecer o seu traballo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, propuxo hoxe, con motivo da Xunta Autonómica de Directores, un novo plan de formación específico para os directivos dos centros educativos. Segundo salientou o responsable do departamento educativo da Xunta de Galicia, este recollerá accións formativas determinadas e vinculadas aos cargos directivos co fin de axudar e favorecer o seu traballo diario.

Así mesmo, nesta reunión de directores tamén se deu información específica sobre as avaliacións finais de etapa, en especial sobre a de 2º de Bacharelato, que se aplicará este curso por primeira vez en termos similares á antiga Selectividade. Outros dos puntos tratados na xuntanza centrouse nas novidades en materia de administración electrónica e tamén se valoraron outros asuntos de interese sobre a xestión dos centros educativos.

Formación do profesorado

A raíz do vindeiro plan de formación para os directivos, cómpre destacar a forte aposta da Consellería por favorecer a actualización continua do profesorado, ben a través do Plan xeral de formación do profesorado, que se actualiza cada curso, ou ben mediante plans elaborados nos propios centros educativos. De feito, este curso está previsto realizar 2.400 actividades de formación destinadas a preto de 20.000 docentes, orientadas ás competencias que deben adquirir os profesores para axudalos no desenvolvemento da súa profesión, entre as que destaca a potenciación das competencias STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática).

Ademais, nos orzamentos de 2017 seguirase afondando na formación dos docentes, unha partida que se incrementa en case un 30% no referido á formación xeral do profesorado e que, sumada á dirixida de forma específica a favorecer o éxito escolar e previr o abandono, acada os 3,3 millóns de euros.