Preto de 160 docentes obteñen licenzas por formación este curso co fin de actualizar os seus coñecementos

A través destes permisos poderán afondar en cuestións coma a creación de materias curriculares dixitais ou plurilingües e perfeccionamento de linguas estranxeiras no exterior, entre outros
Dom, 02/10/2016 - 12:00

Un total de 157 docentes disporán este curso de licenzas de formación a través das cales poderán perfeccionar os seus coñecementos sobre cuestións como as materias curriculares dixitais ou as plurilingües e o perfeccionamento de linguas estranxeiras no exterior, entre outros.

Estes permisos por formación -que poden durar ata un máximo de tres meses- teñen como obxectivo favorecer a actualización de coñecementos en prol da innovación e da mellora da calidade do ensino galego. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros para o financiamento destas licenzas.

A resolución das licenzas concedidas para este curso 2016/17 poden consultarse no enderezo web (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160930/AnuncioG0164-220916-0002_gl.html ).

Modalidades

Do total das 157 licenzas por formación concedidas nas seis modalidades convocadas, 62 son para o perfeccionamento de linguas estranxeiras no exterior, que está dirixida preferentemente ao profesorado non especialista de ensino primario e secundario e de Formación Profesional. Outras 54 son para o desenvolvemento de proxectos individuais ou grupos de traballo (de dous ou tres membros) para a creación de materias curriculares dixitais para primaria e secundaria e atención á diversidade. Así mesmo concedéronse 31 permisos para -tamén de xeito individual ou grupal- a elaboración ou adaptación de materiais curriculares plurilingües para as ensinanzas de formación profesional.

Menús News node R