Un total de 15 profesionais de recoñecido prestixio exercerán de mentores nos centros educativos

Román Rodríguez explicou que este novo proxecto de innovación educativa, denominado ‘EduMotivaCon_?’, busca fomentar a cultura do esforzo, a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo do alumnado

Os diferentes socios ofrecerán charlas nos centros e desenvolverán iniciativas propias co fin de axudar aos mozos e mozas a adquirir competencias clave e potenciar o traballo por proxectos

Ven, 08/07/2016 - 15:15
Un total de 15 profesionais de recoñecido prestixio exercerán de mentores nos centros educativos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa práctica totalidade dos profesionais que participarán no novo proxecto de innovación educativa que a Consellería poñerá en marcha o vindeiro curso 2016/2017. A iniciativa, denominada ‘EduMotivaCon_?’ busca fomentar a cultura do esforzo, potenciar a creatividade e o pensamento crítico e promover o traballo en equipo do alumnado. Para iso, un total de 15 profesionais de recoñecido prestixio nos seus diferentes ámbitos transmitirán os seus coñecementos e experiencias, a través de charlas ou mediante proxectos propios, aos mozos e mozas, exercendo así de mentores e de axentes activos no proceso educativo.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, “falamos de innovar nos procesos de ensino e aprendizaxe”, favorecendo non só a adquisición de coñecementos curriculares, senón tamén o desenvolvemento de competencias clave (como a matemática/científico/tecnolóxica, as sociais e cívicas, dixital ou lingüística) e a formación en valores; todo isto desde a óptica do traballo educativo por proxectos.

Ampla rede de profesionais

Os profesionais que forman parte desta primeira e pioneira experiencia teñen demostrado, en palabras de Román Rodríguez, “a súa valía e implicación nos seus respectivos campos de estudo e ámbito profesional”, un traballo e unha filosofía de vida que tentarán trasladar agora ás aulas.

En concreto, os chamados ‘mentores’ son os científicos e divulgadores Ángel Carracedo, Senén Barro e Jorge Mira; o xornalista Luis Fraga; a xornalista e presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes Uschinsky; o músico Roi Casal, a médica Carmen Vidal; o adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández; o escultor Manuel Paz; o publicista Miguel Conde; o cociñeiro Pepe Solla; o director da refinería de Repsol na Coruña, Luis Llamas; o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Villares; o actor Manuel Manquiña; e a conselleira delegada de Geriatros, Josefina Fernández Miguélez. En todo caso, a maiores destes participantes, á rede poderanse incorporar máis profesionais de diferentes ámbitos. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Implicación na educación

Todos eles representan, segundo puntualizou o conselleiro, “a implicación da sociedade galega na educación”, posto que son conscientes da necesidade de transmitir e adquirir desde a escola valores fundamentais como a dedicación continua, o esforzo, a curiosidade e a colaboración co obxectivo de potenciar o talento individual e favorecer o desenvolvemento vital e profesional de cada rapaz ou rapaza.

Deste xeito, o proxecto pivota sobre catro piares fundamentais. En primeiro lugar, organizaranse visitas a centros onde os diferentes socios desta iniciativa ofrecerán charlas-coloquio. Por outro lado, os profesionais implicados poderán desenvolver, en función da súa dispoñibilidade, proxectos personalizados de achegamento ao sistema educativo con grupos de alumnos e profesorado. Isto é, exercerán de mentores para fomentar a motivación do alumnado naqueles ámbitos onde son especialistas.

Plataforma web específica

Como terceiro punto relevante, e co fin de garantir unha correcta visibilidade do traballo realizado, crearase un espazo web específico no que se recollerán as charlas e os contidos elaborados polos propios profesionais, así como polos centros. Por último, está previsto organizar tamén unha xornada anual onde se de conta dos froitos acadados e se determinen novas metas.