Cultura e Educación e ASPERGA colaboran para mellorar a atención educativa ao alumnado afectado por Asperger

O conselleiro Román Rodríguez e maila presidenta da entidade, Irene Montero, asinaron un convenio para a atención integral aos escolares que padecen esta síndrome

Este acordo enmárcase nas liñas estratéxicas da Consellería de avanzar cara un sistema inclusivo no que se garanta a atención á diversidade de todos os nenos e nenas

Lun, 23/05/2016 - 14:17
Cultura e Educación e ASPERGA colaboran para mellorar a atención educativa ao alumnado afectado por Asperger

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e maila Asociación galega de familias afectadas pola síndrome de Asperger (ASPERGA) estreitan a súa colaboración co fin de mellorar a atención educativa ao alumnado afectado pola síndrome de Asperger e TEA.

Así se reflicte no convenio asinado hoxe entre o conselleiro Román Rodríguez e a presidenta da entidade, Irene Montero, cuxo obxectivo último é desenvolver unha acción educativa integral que dea unha resposta axeitada ás necesidades específicas de apoio educativo dos alumnos e alumnas afectados por esta síndrome.

Unha das principais liñas de traballo vai ser a formación específica do profesorado que atende a escolares con Síndrome de Asperger e TEA nivel de apoio I e II, sen déficit lingüístico nin cognitivo. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta, a través das súas propias estruturas formativas e en colaboración co persoal de ASPERGA, vai desenvolver unha serie de accións nas distintas modalidades de formación neste eido.

Así mesmo, a Consellería e ASPERGA colaborarán na posta en marcha de actividades de sensibilización e de difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con Síndrome de Asperger e TEA.

Tamén ao abeiro deste convenio, o persoal de ASPERGA poderá prestar asesoramento naqueles centros con nenos ou nenas con esta síndrome, e colaborarán na orientación sobre metodoloxías máis axeitadas, accións sempre coordinadas polo profesorado titor do propio centro.

O acordo enmárcase dentro das liñas de actuación que está levando a cabo o departamento que dirixe Román Rodríguez a prol dun sistema educativo inclusivo no que se garanta a atención á diversidade do conxunto do alumnado.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación está desenvolvendo unha ampla política de colaboración con moi diversas entidades en prol da atención á diversidade do alumnado con diferentes necesidades específicas (discapacidade visual, auditiva, etc), ao tempo que, no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 ‘educonvives.gal’, se están elaborando protocolos específicos, como é o caso do Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) recentemente aprobado, ou o primeiro protocolo integral a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), publicado en 2014; entre outros.