A Xunta presenta o protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, co fin de avanzar na atención á diversidade do alumnado galego

O obxectivo é proporcionar pautas a docentes e persoal dos centros que garantan o respecto e o interese superior do alumnado

Ademais, prímase a coordinación coas familias e a atención personalizada

Mar, 03/05/2016 - 13:55
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe o novo ‘Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe o novo ‘Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe o novo ‘Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’, un documento co que se busca garantir o respecto á diversidade do alumnado, en concreto a aquel cuxa identidade rexistral – a que se fai no momento do nacemento- non coincide coa súa identidade de xénero.

Na presentación do documento participaron a presidenta da Asociación de familias con menores trans (Arelas), Cristina Palacios, o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira; e o subdirector xeral de Ordenación e innovación educativa e Formación do profesorado, Manuel Vila.

Este novo protocolo enmárcase na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, o paraugas común baixo o que a Xunta de Galicia ordena todas as medidas postas en marcha desde o ano 2011 para facer fronte aos novos retos que o século XXI presenta á escola, nomeadamente a Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, o  posterior protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar (incluído o ciberacoso) e o Decreto de convivencia; aspectos todos nos que Galicia foi comunidade autónoma pioneira. Así mesmo, a Consellería ten publicado un ‘Protocolo integral de Protección de Datos Persoais’, que se completará con outro de Identidade Dixital; e un Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia

Froito tamén de escoitar as peticións da comunidade educativa, a Consellería publicou  o primeiro protocolo a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), así como outro de ‘Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica’ – coas súas addendas específicas para o alumnado con diabete e para a atención educativa domiciliaria, as primeiras que se desenvolven deste instrumento –, entre outros documentos de apoio á comunidade educativa.

Seguridade para docentes e alumnos

Estas actuacións son froito do labor ineludible de escoitar as inquedanzas da cidadanía e plasmalas en políticas e accións que solucionen problemas e que melloren a situación. Este diálogo queda exemplificado na elaboración de protocolos e orientacións moi demandados pola comunidade educativa e para cuxa redacción se contou coa colaboración das partes directamente implicadas, como foi neste caso a Asociacións de familias con menores trans (Arelas).

Trátase de documentos de traballo e, polo tanto, flexibles e adaptables a cada Plan de Convivencia de centro e situación concreta, para garantir a atención personalizada e individualizada máis axeitada. Ao mesmo tempo, son  instrumentos para mellorar a coordinación entre familias, centros e Administración educativa na atención á diversidade do alumnado e en prol da súa seguridade psicolóxica e médica.

Estes protocolos son, así mesmo, unha aposta por unha escola inclusiva, na que a normalidade sexa a diferenza e a pluralidade tomada desde o respecto.

Ferramenta de traballo para os centros

Respecto do ‘Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’, ten como obxectivo garantir a igualdade de trato e combater a discriminación por razóns de diversidade afectivo-sexual, con especial mención a aqueles casos nos que a identidade sexual non se corresponde coa asignada no momento do nacemento da persoa.

Para iso, o documento define os termos de ‘identidade de xénero’, ‘identidade rexistral’, ‘transexualidade’, ‘cisexualiade’, e ‘orientación sexual’; e establécense pautas para a comunicación aos centros educativos por parte dos pais ou titores legais dos casos nos que se manifeste unha identidade de xénero diferente á asignada no momento do nacemento.

Unha vez a situación sexa comunicada ao centro, tras a valoración dos servizos de saúde, e da avaliación psicopedagóxica que poidan facer os equipos de orientación; os centros poderán apoiarse nas diferentes pautas que o documento ofrece para a atención das necesidades do menor, así como para a información ao resto da comunidade educativa.

Cómpre sinalar, ademais, que o protocolo inclúe recomendación educativas e organizativas do traballo na aula, tales como que docentes e compañeiros se dirixan ao alumnos co nome acordado de forma coordinada por dirección, titoría, servizo de orientación e o propio escolar (ou os seus representantes legais); ou que – na medida do posible- non se realicen actividades diferenciadas por sexo.

Formación do profesorado

Ademais, e co obxectivo de facilitar a información e concienciación sobre estas situacións, o protocolo recomenda que se realicen actuacións de información e sensibilización sobre diversidade sexual e de xénero dirixidas ao alumnado, con especial atención ao recoñecemento e normalización da realidade transexual; actividades formativas dirixidas aos equipos directivos, orientadores e orientadoras e equipos docentes, así como ás familias, relacionadas coa diversidade sexual, facendo especial referencia ao coñecemento da realidade transexual. Así mesmo, a través da Rede de Servizo de Formación Permanente do Profesorado facilitarase a realización de accións formativas tendentes á difusión e concienciación sobre a realidade das persoas trans

Tamén se fomentará a dispoñibilidade nas bibliotecas dos centros educativos dun catálogo de libros, manuais e material audiovisual que inclúa a temática da diversidade sexual, que se adecúen á finalidade do respecto e a dignidade para a ampla diversidade que existe dentro do seo da condición humana.

Atención individualizada

O protocolo está composto por medidas tendentes a guiar as actuacións en materia organizativa e de resposta do sistema educativo. Con todo,cada centro deberá establecer no seu plan de convivencia as medidas particulares que sexan necesarias para garantir o libre exercicio da identidade sexual de todos os membros da comunidade educativa.

Deste xeito procúrase unha atención individualizada que garanta a diversidade afectivo-sexual e o respecto á identidade sexual de cada alumna e alumno.