Os contratos-programa impulsados pola Consellería de Cultura e Educación beneficiarán este curso a máis de 82.000 alumnos

Un total de 378 centros docentes públicos, 1 de cada 3, desenvolverán estas iniciativas

No último lustro multiplicouse por 7 o número de estudantes que participan na actuación en prol da excelencia educativa

O investimento para o curso 2015/2016 é de 3,1 millóns, un 18% máis ca no curso anterior, o que permitirá a contratación de 154 docentes de apoio adicionais, un 61% máis que o ano pasado.

Mér, 27/01/2016 - 14:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución definitiva dos contratos-programa para o curso 2015/2016, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Máis de 82.000 alumnos beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, o que supón multiplicar por 7 os que había hai 5 cursos.

Un total de 378 centros educativos públicos, todos os que o solicitaron, e un 8% máis que o ano pasado, desenvolverán unha ou máis liñas dos contratos-programa, o que supón que 1 de cada 3 centros públicos está integrado neste iniciativa. Por provincias, os centros participantes serán 114 na da Coruña, 46 en Lugo, 44 en Ourense e 174 en Pontevedra. Do total de centros participantes, 218 son de primaria e 160 de secundaria.

Cómpre salientar, ademais, que a Consellería reforzou este ano a partida orzamentaria destinada aos contratos-programa, que acadan os 3,1 millóns de euros, un 18% máis ca no curso anterior. Isto permite a contratación de 154 docentes externos de apoio adicionais – para o desenvolvemento da actuación 1, a coñecida como ‘PROA’-, un 61% máis que o ano pasado, dotando deste persoal a todos os centros que o solicitaron.

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.

Neste sentido cómpre sinalar que o número de centros de educación primaria beneficiarios de contrato-programa que poderán desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos seus resultados nas avaliacións individualizadas de 3º de Educación primaria, son 69  (un tercio dos centros de primaria beneficarios de contratos-programa). Todos eles contarán con docente externo de apoio.

Polo tanto, a iniciativa permite visibilizar e poñer en valor o esforzo e o investimento, tanto do centro como da Administración educativa, para o éxito escolar, facendo partícipe ao profesorado mediante o recoñecemento do seu labor. A resolución definitiva pode consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/18053 .

Liñas de actuación

A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural  (antigo programa PROA). Un total de 285 centros educativos desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 154 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin, un 61% máis ca no curso anterior.

A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes. Así, a liña 2a, competencia matemática, será de desenvolvida por134 centros; mentres que a 2b, competencia en comunicación lingüística, contará con 109 centros participantes; e a 2 c, deseñada para reforzar as competencias en ciencia e tecnoloxía, será desenvolvida por 45 centros.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e incorpora este ano por primeira vez a promoción da igualdade, participarán nela un total de 106 centros; mentres que na cuarta, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, contará coa participación de 23 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 78 e 26 centros educativos públicos, respectivamente.

Docentes implicados e novidades da convocatoria

Ademais dos 154 profesores de apoio contratados a maiores pola Consellería para o desenvolvemento da liña 1 dos contratos-programa, na aplicación da iniciativa participarán este curso un total de 6.375 docentes, un 16% máis ca no 2014/2015.

No referido ás novidades da convocatoria cómpre sinalar que, ademais da redefinición das liñas de actuación para adaptalas ás necesidades dos centros e froito da experiencia dos últimos anos, ampliouse a tipoloxía de centros destinatarios do programa. Así, neste curso fíxose posible a incorporación dos Colexios Rurais Agrupados (CRA), as Escolas de Educación Infantil (EEI), os Centros de Educación Especial (CEE), os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos. Así se posibilita que formen parte da iniciativa o alumnado que neles estuda, especialmente o de FP Básica.

 Así mesmo, e como xa ocorría en cursos anteriores, puideron solicitar contratos-programa os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), os Centros de Educación Primaria (CEP), os Institutos de Educación Secundaria (IES) e os Centros Públicos Integrados (CPI).