A Xunta avoga por traballar na prevención da violencia de xénero desde o ensino con contidos didácticos de promoción da igualdade

O conselleiro de Cultura e Educación, e mais a secretaria xeral da Igualdade, participan no IES Laxeiro de Lalín na presentación do ‘Libro do Mal Amor: Haikus contra a violencia de xénero’, no que participaron 200 persoas

Ambos departamentos afondarán na súa colaboración mediante a elaboración dunha nova materia de libre configuración neste campo, así como dun plan galego da igualdade no ámbito educativo

A Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 constitúe a ferramenta común coa que se pretende fomentar un bo clima nas aulas, partindo dos datos que reflicta o cuestionario en liña realizado nas últimas semanas

Mér, 16/12/2015 - 16:07
Román Rodríguez na presentación do libro
Román Rodríguez na presentación do libro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe na presentación do ‘Libro do Mal Amor: Haikus contra a violencia de xénero’, elaborado por alumnado e profesorado do IES Laxeiro de Lalín coa colaboración de escritores e artistas relevantes como Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Rosa Aneiros, Chus Pato, Celso Fernández Sanmartín ou Carlos Negro.

A iniciativa, en formato impreso grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, enmárcase dentro do Plan Proxecta de innovación educativa, en concreto dentro da liña “Por 365 días de respecto e igualdade”. Nela participaron arredor de 200 persoas, así como diferentes departamentos do centro co obxectivo de concienciar aos alumnos e alumnas sobre esta lacra social e previr, deste xeito, comportamentos violentos.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta avogou por traballar na prevención da violencia de xénero nas súas múltiples expresións desde os centros educativos. Por iso, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer en marcha o Protocolo de acoso escolar e ciberacoso, que agora forma parte dunha folla de ruta común e transversal coa que se pretende mellorar e fomentar un bo clima de convivencia nas aulas, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020. Ao abeiro desta Estratexia, recentemente realizouse un cuestionario en liña á comunidade escolar galega co fin de testar o clima actual de convivencia na escola.

Colaboración para concienciar aos estudantes

Neste contexto, a Consellería e a Secretaría Xeral da Igualdade están afondando na súa colaboración para concienciar aos estudantes contra a violencia de xénero e os comportamentos nocivos. Deste xeito, actualmente estase traballando na elaboración dunha nova materia de libre configuración neste campo, así como nun plan galego da igualdade no ámbito educativo, froito dunha proposta de resolución do último Debate sobre o Estado da Autonomía.

Ademais, o departamento educativo da Xunta está analizando a implantación dun novo ciclo formativo de grao superior relacionado con esta temática, dentro da familia profesional de Servizos Sociocomunitarios e á Comunidade.

Emular iniciativas como a do IES Laxeiro

Tanto o conselleiro como a secretaria xeral da Igualdade apelaron a seguir traballando todos xuntos para erradicar a violencia de xénero, emulando experiencias como a do IES Laxeiro. Neste sentido, felicitaron a todos os que participaron na elaboración deste libro, “un berro literario en forma de poemas curtos e de ilustracións artísticas”, resaltou Román Rodríguez.

Pola súa banda, López Abella destacou que a Xunta está “especialmente preocupada” por unha serie de estereotipos caducos e de comportamentos sexistas que se crían erradicados e que se están volvendo a reproducir entre a poboación máis nova.

Por iso, a Secretaría Xeral da Igualdade está a apostar por iniciativas como a presentada hoxe en Lalín, actuacións de prevención e sensibilización que permitan á mocidade recoñecer esas condutas nocivas e poder frealas antes de que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro. “Se queremos evitar a violencia de xénero debemos evitar os pasos que se inician baixo as referencias dunha cultura machista, polo tanto, para erradicar calquera forma de violencia a solución reside na educación”, subliñou López Abella.