Román Rodríguez destaca a boa implantación dos programas educativos innovadores no rural, posto que máis do 30% dos centros Abalar ou dos auxiliares concéntranse neste ámbito

O conselleiro de Cultura e Educación garante o “apoio total da Xunta” ao ensino no rural e salienta que nos concellos de menos de 10.000 habitantes se invisten por curso máis de 71 millóns de euros en transporte escolar

Mér, 28/10/2015 - 17:55

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe no Parlamento galego a boa implantación dos programas educativos innovadores nos centros educativos situados no medio rural. Deste xeito, salientou que un 44,39% dos centros que están desenvolvendo o Plan Proxecta concéntranse en concellos de menos de 10.000 habitantes, mentres que os que teñen Abalar e os auxiliares de conversa supoñen máis do 30% do total de centros con estes programas.

En canto ás seccións bilingües, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor que o 29,74% están en centros localizados nestes municipios, ao igual que o 23,26% dos que apostan polo ensino plurilingüe. Trátase dunhas cifras relevantes -segundo sinalou Román Rodríguez- ao ter en conta o porcentaxe da poboación escolar (de 3 a 16 anos) que se concentra nestes concellos de menos de 10.000 habitantes, que é dun 23,5% con respecto ao total galego. É dicir, practicamente a implantación de todos os programas educativos novidosos postos en marcha polo Goberno galego supera o número de alumnos e alumnas nesta zona.

Neste sentido, o conselleiro garantiu o “apoio total da Xunta” ao ensino no rural e, ademais de destacar a participación activa destes centros nestas iniciativas innovadoras, salientou o importante investimento que fai a Consellería nos concellos de menos de 10.000 habitantes en concepto de transporte escolar. Tal e como afirmou, o investimento por curso ascende a 71,3 millóns de euros, do que se benefician case 39.500 nenos e nenas repartidos nun total de 1.930 rutas.

Iniciativas que agroman dende o rural

A maiores, Román Rodríguez tamén lembrou outras iniciativas que se están desenvolvendo neste ámbito e a través das cales se están recollendo importantes froitos, como o programa “Escolas na nube” –galardoado a nivel galego, nacional e europeo– ou o proxecto “Smart School”, posto en marcha nun centro de Ourense e noutro de Vilanova de Arousa.