As accións da Xunta a prol das bibliotecas escolares benefician xa a máis de 174.000 alumnos e ao 70% dos centros públicos de secundaria

O conselleiro de Cultura e Educación fixo hoxe balance do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) posto en marcha polo seu departamento, e cuxa segunda fase comezará a funcionar en 2016

Na última década investíronse 11 millóns de euros na mellora das bibliotecas

Mar, 20/10/2015 - 11:27
 As accións da Xunta a prol das bibliotecas escolares benefician xa a máis de 174.000 alumnos e ao 70% dos centros públicos de secundaria
As accións da Xunta a prol das bibliotecas escolares benefician xa a máis de 174.000 alumnos e ao 70% dos centros públicos de secundaria

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá a biblioteca do IES A Xunqueira II, en Pontevedra, onde fixo balance co alumnado das diferentes actividades que se desenvolven nestes espazos dos centros educativos en prol do fomento da lectura e como centros de recursos ao abeiro do Plan Lía de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe). Neste contexto o titular do departamento de ensino do Goberno galego salientou que a liña máis forte desta estratexia, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) cumpre este ano unha década en funcionamento, chegando xa a máis de 174.000 alumnos de todas as etapas e ao 70% dos IES públicos.

Román Rodríguez explicou que o desenvolvemento do PLAMBE, con 11 millóns de orzamento nestes 10 anos, ten dado grandes froitos tanto no referido á mellora das instalacións coma no propio uso que o alumnado fai da biblioteca. Non en balde, hoxe o 94% dos estudantes dos centros integrados neste programa fai un uso cotiá destes espazos que, no seu 61% conta con recursos electrónicos na súa colección, e que no 35% puideron ser ampliados ao abeiro do Plan. Neste sentido o conselleiro destacou o carácter moderno e integrador das bibliotecas escolares galegas que, xunto coa extraordinaria implicación do profesorado, fan delas espazos de referencia a nivel nacional, o que lles ten valido numerosos premios e recoñecementos á calidade do labor que nelas se desenvolve.

Plan Lía

O conselleiro quixo, así mesmo, salientar outros logros xerais de todas as bibliotecas escolares galegas ao abeiro do Plan Lía, tales como a mellora da competencia lectora no informe PISA, na que os alumnos galegos obtiveron no 2012 unha vantaxe de 10 puntos sobre a media da Unión Europea. Así mesmo, a estratexia ten funcionado como un axente fundamental para o fomento do hábito lector tanto entre os seus estudantes como entre as súas familias e contorna, a través de iniciativas como ‘Hora de Ler’, ‘Mochilas viaxeiras’, os ‘Clubs de lectura’ ou o ‘Voluntariado de lectura’.

Tendo en conta os fitos conseguidos desde 2010 – ano de inicio do Plan Lía- o conselleiro comprometeuse a desenvolver unha nova fase deste programa no período 2016-2020, co fin de garantir a presenza estable das bibliotecas en todos os centros para que o conxunto da comunidade educativa poida gozar dos beneficios que aportan.

Durante a súa visita ao IES Xunqueira II o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e polo xefe territorial da Consellería en Pontevedra, César Pérez Ares.

O éxito do PLAMBE: 575 centros

Posto en marcha hai unha década, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares integra hoxe xa a 575 centros de ensino públicos e máis de 174.000 alumnos. Respecto do alumnado, o implicado no programa supón unha porcentaxe do 63% do total de alumnos e alumnas que estudan en centros públicos de titularidade da Consellería, xunto coas súas familias.

A distribución e porcentaxe sobre o total é a reflectida no seguinte cadro.

 

Denominación

Centros PLAMBE

% respecto do total de centros

CEE Centro de Educación Especial

3

21,43%

CEIP Colexio de Educación Infantil e Primaria

304

52,96%

CEP Colexio de Educación Primaria

17

70,83%

CIFP Centro Integrado de Formación Profesional

5

22,73%

CMUS Conservatorio de Música

2

5,56%

CPI  Centro Público Integrado

44

63,77%

CRA Colexio Rural Agrupado

10

37,04%

EEI Escola de Educación Infantil

9

6,98%

EOI Escola Oficial de Idiomas

3

27,27%

EPAPU Centro Público de Educación y Promoción de Adultos

1

9,09%

IES Instituto de Educación Secundaria

177

69,69%

Os centros incluídos no PLAMBE recibiron apoio para a actualización dos fondos documentais (libros e outros materiais en distintos soportes e formatos); tamén para a renovación do mobiliario e para adquisición dos equipamentos necesarios para que a biblioteca poida exercer as súas funcións formativas, de xestión e dinamización (equipamento informático e audiovisual variado), así como para gastos de funcionamento e realización de actividades de dinamización para o fomento da lectura e apoio do currículo escolar.

Neste sentido cómpre salientar algúns datos de interese:

Fitos

%  dos Centros Plambe

Ampliaron espazos da biblioteca

35% dos centros

A biblioteca conta con recursos electrónicos na súa colección

61% das bibliotecas

O alumnado fai un uso cotiá da biblioteca para a aprendizaxe

 No 94% dos centros

A biblioteca promove ou apoia traballos por proxectos (innovación metodolóxica)

81% das bibliotecas

Están integradas as TIC nas actividades das bibliotecas

No 91% dos centros

Realízase a “hora de ler” (tempo específico para e lectura en horario lectivo)

 No 84% dos centros

A biblioteca conta con alumnado voluntario

No 73% dos centros

Existe colaboración coas bibliotecas públicas ou outras

No 61% das bibliotecas

Bibliotecas activas e dixitais

Os devanditos fitos dan conta da contribución do PLAMBE á construción dunha rede de ‘bibliotecas escolares activas’, exemplo de integración da cultura impresa e a cultura dixital, e que son centros de recursos para a educación, para a alfabetización dixital e informacional, ao tempo que espazos de lecer.

A este respecto cómpre valorar a implicación dos docentes, gran activo das bibliotecas e garante da súa excelencia. Non en balde, o profesorado galego que xestiona as bibliotecas escolares é pioneiro na utilización da web 2.0 e das redes sociais na xestión e dinamización destas bibliotecas.

Á dixitalización deste espazos ten contribuído, así mesmo, o impulso da Consellería a través de programas como o proxecto E-LBE para a introdución dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares galegas, no que participaron un total de 115 centros no período 2012-2014.

Implicación da contorna

Neste marco de ‘bibliotecas activas’ as accións desenvolvidas desde 2010 ao abeiro do Plan Lía teñen contribuído de forma significativa a implicar a familias e contorna do alumnado. De feito, un 51% dos centros integrados no PLAMBE organizan actividades destinadas especificamente as familias do alumnado e nun 54% destes centros as familias colaboran directamente en actividades da biblioteca escolar (horas do conto, actividades de lectura compartida, entres as máis comúns).

Así mesmo, un 66,54% dos centros do Plan xestionan ‘Mochilas viaxeiras’, 8.000 lotes de libros e material multimedia para toda a familia que percorren as casas incrementando as oportunidade de experiencia lectora no seo familiar; e no curso 2014/2015 funcionaron clubs de lectura en 228 centros de ensino secundario obrigatorio e postobrigatorio, unha acción que tamén promove a participación desde os fogares.

Nesta mesma orde de cousas, o programa Bibliotecas Escolares Solidarias, de voluntariado na biblioteca escolar, supuxo un importante impulso para a implicación do alumnado en tarefas de dinamización da biblioteca, especialmente de atención á biblioteca e de fomento da lectura. No curso 2014/2015, un total de 1.200 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria realizaron actividades de voluntariado na súa biblioteca escolar, e un total de 180 mozos e mozas recibiron certificados por horas de colaboración e voluntariado na biblioteca do seu instituto. En breve farase pública a convocatoria do programa “Bibliotecas Escolares Solidarias” para o curso 2015/2016.

Segunda fase do Plan Lía

De cara á renovación do Plan Lía para o período 2016-2020, deseñaranse novos obxectivos, liñas estratéxicas e medidas que garantan a presenza estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos de nivel non universitario e que amplíe a experiencia de lectura e de acceso aos bens culturais de toda a poboación escolar galega.

Desta forma, a Consellería aposta por xeralizar o modelo de biblioteca escolar como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, que lidera e apoia metodoloxías activas imprescindibles para a adquisición das competencias clave para o alumnado do século XXI, nomeadamente a lectura comprensiva e as competencias de uso, tratamento e produción de información, e as coñecidas como competencias informacionais (integradas na chamada competencia dixital, pero de maior alcance).