O conselleiro de Cultura e Educación entrégalle o XIX Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao programa Erasmus

O galardón recoñece a promoción dos valores europeos que leva a cabo este programa

Ven, 25/09/2015 - 22:00
 O conselleiro de Cultura e Educación entrégalle o XIX Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao programa Erasmus
O conselleiro de Cultura e Educación entrégalle o XIX Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao programa Erasmus

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregoulle esta tarde o XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia ao programa Erasmus, un galardón que recoñece a promoción dos valores europeos que fai esta iniciativa, a través da mobilidade de miles de estudantes cada ano.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou o papel deste galardón na promoción dos valores europeos, a educación e a preservación do herdo cultural. Neste sentido lembrou que a Xunta de Galicia apoiou desde o primeiro momento esta iniciativa, mantendo o seu soporte constante á organización do certame, pola súa contribución ao recoñecemento de Galicia, de Santiago de Compostela e do Camiño máis aló das nosas fronteiras. Así mesmo, salientou a transcendencia deste recoñecemento outorgado por unha asociación de Universidades de xerme galego - o Grupo Compostela- de prestixio internacional.

Respecto do programa galardoado nesta XIX edición, sinalou a “xeración Erasmus” como unha xeración de persoas con coñecementos interculturais, plurilingües, con espírito emprendedor e que buscan traballar e vivir sen fronteiras nacionais, poñendo o seu talento ao servizo de Europa. A este respecto, lembrou que precisamente o éxito de Europa reside no traballo conxunto en prol da constitución de mecanismos de cooperación interestatais que permitiron consolidar a paz e o progreso.

Román Rodríguez quixo, así mesmo, gabar a decisión da Comisión Europea de doar o galardón -o premio metálico sempre se doa a unha ONG ou proxecto educativo- á Fundación garagErasmus,que conecta aos participantes no programa Erasmus mediante unha rede dixital dinámica, que procura espertar o crecemento económico latente en Europa a través da mobilidade de ideas e talentos.

Ademais do conselleiro, participaron no acto o presidente entrante do Grupo Compostela de Universidades; a directora-xeral de Cultura e Educación da Comisión Europea, Martine Reicherts; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, entre outras autoridades.

Case 30 anos de traxectoria

O Erasmus é un programa da Comisión Europea para a mobilidade de estudantes e de alumnos en prácticas creado en 1987 co obxectivo de aproveitar o talento e o capital humano e social de Europa para implementar procesos de educación ao longo da vida, unindo formación e aprendizaxe formal e non formal.

Desde entón, arredor de 3 millóns de persoas teñen gozado de estadías en outros países ao longo do vello continente, cun claro resultado de enriquecemento persoal, académico e laboral. Só no curso 2014/2015 un total de 1.094 estudantes galegos resultaron beneficiarios das axudas complementarias da Xunta de Galicia para os participantes nesta iniciativa de mobilidade.

De Erasmus a Erasmus +

Tras anos de funcionamento en torno a 7 programas, no 2014 o programa fusionouse nun único eixo, Erasmus +, destinado a máis de 4 millóns de persoas e cun orzamento de 14.700 millóns de euros para fortalecer os eidos da educación, a formación, a xuventude e o deporte en Europa.

Este novo programa ten como obxectivo aumentar as competencias e a empregabilidade, así como apoiar a modernización dos sistemas de educación, formación e xuventude. Así, os principais destinatarios serán escolares; estudantes de formación profesional, de ensinanzas superiores e de formación de persoas adultas. Cómpre sinalar que Erasmus + integrará todas as iniciativas existentes no Programa de Aprendizaxe Permanente e os de educación superior internacional: Mundus, Tempus, ALFA, Edulink e programas bilaterais así como o Programa Xuventude en Acción.

Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Desde a súa creación en 1997 o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia ten recoñecido o labor de figuras e institucións procedentes de diferentes eidos, tales como Amin Maalouf, o Helsinki Group on Women and Science, ou o Colexio de Europa, entre outros.

O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior. Creada en 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente o CGU está formado por arredor de 70 membros de todo o mundo,que traballan xuntos coa crenza que a diversidade é unha palabra clave no perfil das universidades do século XXI.