Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta e o esforzo de pais, profesores e alumnos na atención á diversidade

O conselleiro visitou hoxe o CEEPR (Centro de Educación Especial) Amencer-Aspace, onde compartiu cos nenos e nenas estes primeiros días de curso escolar

A Consellería, a través dun convenio de colaboración coa asociación que xestiona o centro, financia o transporte escolar e o servizo de comedor

Ven, 11/09/2015 - 11:52
Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta e o esforzo de pais, profesores e alumnos na atención á diversidade
Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta e o esforzo de pais, profesores e alumnos na atención á diversidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumando galego, “facilitando e garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar que require unha atención máis específica, concreta e preferente”.

Así o indicou durante a súa visita ao CEEPR (Centro de Educación Especial) Amencer-Aspace, onde compartiu cos nenos e nenas estes primeiros días de curso escolar. “As persoas con discapacidade, especialmente os rapaces e rapazas, teñen o desexo de aprender e a capacidade de facelo”, sinalou o titular do departamento educativo do Executivo galego. Neste sentido, lembrou que a tarefa da Administración é poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para “favorecer o seu acceso á educación en igualdade de condicións”.

Deste xeito, a Consellería, a través de convenios de colaboración con ata once entidades sen ánimo de lucro, destina este curso algo máis de 686.000 euros para financiar o transporte escolar adaptado e o servizo de comedor do alumnado con discapacidades. Neste caso, e mediante o convenio asinado coa Asociación de Atención á Parálise Cerebral e Afíns Amencer-Aspace, os nenos e nenas contan cunha atención específica nos seus traslados ao colexio, así como no comedor, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares.

Desprazamentos cubertos

Ao abeiro destes acordos quedan cubertos os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como aos centros nos que reciban tratamento rehabilitador cando este coincida co horario escolar. Pola súa parte, as asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Deste xeito, a Consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación de todos estes servizos.

Grazas a estes convenios, 200 nenos e nenas beneficiaranse este curso do transporte escolar adaptado, mentres que 359 terán apoio no servizo de comedor. Todo isto demostra, segundo explicou o conselleiro, o compromiso do seu departamento coa “educación en igualdade de oportunidades”. 

O conselleiro, que durante a súa visita estivo acompañado polo director xeral de Centros, José Manuel Pinal, tamén agradeceu o traballo e esforzo de pais, profesores, alumnos e demais persoal implicado na aposta pola equidade e a integración social dende o ámbito educativo.