Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta de Galicia cos retos do ensino na era dixital na presentación do E-Dixgal aos centros que se incorporan este curso á iniciativa

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu hoxe a recepción a colexios e institutos que no 2015/2016 comezan a traballar co proxecto de contidos curriculares dixitais que promove a Xunta de Galicia

Ao abeiro deste programa, arredor de 6.000 alumnas e alumnos terán os libros de texto gratuítos no ordenador Abalar do que fan uso nos seus centros

Lun, 07/09/2015 - 16:28
 Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta de Galicia cos retos do ensino na era dixital na presentación do E-Dixgal aos centros que se incorporan este curso á iniciativa
Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta de Galicia cos retos do ensino na era dixital na presentación do E-Dixgal aos centros que se incorporan este curso á iniciativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto de benvida ao  E-Dixgal aos centros que se incorporan neste curso 2015/2016 a este proxecto de contidos curriculares dixitais. Neste acto, no que estivo acompañado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; salientou o compromiso da Xunta de Galicia cos retos que o ensino plantexa na era dixital e que supoñen, ao tempo, unha oportunidade para o cambio nas metodoloxías. Neste sentido, sinalou o E-Dixgal como unha ferramenta única a prol da equidade e do peche da brecha dixital, dado que no proxecto participan tanto centros rurais como urbanos.

O conselleiro sinalou que en tan só dous cursos se implicaron nesta iniciativa 104 centros educativos de toda Galicia. Ademais, 5 centros decidiron este curso ampliar a súa participación, pasando de contar co E-Dixgal só en primaria a solicitalo tamén para a etapa de secundaria. Así as cousas, o previsto é que neste vindeiro curso os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a uns 6.000 alumnos e alumnas de 5ºe 6º de primaria e 1º de ESO. “Agardamos que o proxecto siga crecendo nos próximos anos ata uns 22.500 alumnos”, sinalou Román Rodríguez.

Cómpre lembrar, así mesmo, que un dos requisitos fundamentais para poder participar nesta iniciativa é pertencer á rede de centros Abalar, a estratexia desenvolvida polo Goberno galego para a dixitalización das aulas. Catro anos despois da súa posta en marcha, Abalar posibilitou xa que 52.000 alumnos de 531 centros estuden en aulas dixitais; e está xa en marcha a dixitalización do total das do alumnado dos 6 últimos cursos do ensino obrigatorio en centros públicos (5º e 6º Primaria e toda a ESO).

A implicación do profesorado

Durante a súa intervención, o conselleiro quixo salientar a implicación do profesorado, imprescindible para o éxito destas iniciativas de dixitalización das aulas galegas, así como a súa contribución ao crecemento e enriquecemento do Repositorio de contidos Abalar. Así mesmo, salientou que a creación de redes de profesorado que intercambian boas prácticas, experiencia e materiais permite a oportunidade de escalar na mellora do proceso ensino-aprendizaxe.

Neste sentido, agradeceu o esforzo de docentes e equipos directivos, tanto na tarefa de formarse como na de transmitir estas novas competencias dixitais aos estudantes, e púxose á súa disposición para prestarlles o apoio necesario ao longo das distintas fases do proxecto, unha atención que arrinca hoxe nesta xornada.

A directora da Amtega, Mar Pereira, sinalou que na iniciativa E-Dixgal participan empresas tecnolóxicas e do sector editorial e que forma parte dun proxecto moito más amplo para transformar a aula tradicional en dixital, coa colaboración de toda a comunidade educativa: docentes, alumnos e familias. Neste sentido, Pereira destacou que a dixitalización das aulas é un logro de toda a comunidade educativa e por iso recalcou a disposición da Amtega para continuar avanzando neste cambio en colaboración cos docentes.

Aproximación aos contidos

Na xornada de hoxe, os 20 centros que se incorporan este curso ao E-Dxigal poden ter un primeiro contacto co Entorno Virtual de Aprendizaxe (EVA) e os contidos dixitais que o acompañan, mediante as presentacións que realizarán os técnicos. Así mesmo, terán  acceso ás guías de consulta como material de apoio para a posta en marcha deste proxecto, da man dos equipos de asesores Abalar e da Rede de Formación Permanente do Profesorado, aos que o conselleiro tamén quixo agradecer o seu labor de orientación.

Os contidos didácticos do E-Dixgal albérganse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder, tanto de xeito online como offline, a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias, facilitados pola Xunta, como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos.