Cultura e Educación destina preto de 73.500 euros a axudas para as asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial

O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento das actividades e a gastos de xestión, material e mantemento das instalacións das confederacións, federacións e ANPAs de centros de educación especial

A Consellería incrementou nun 40 por cento a contía para este ano

Ven, 04/09/2015 - 10:26

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina un total de 73.483,35 euros a confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de Educación Especial co fin de axudar a financiar as actividades que desenvolven neste ano 2015. Este ano incrementouse a contía nun 40 por cento con respecto ao ano pasado, o que o que reafirma o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa, xa consolidado a través de accións coma o Decreto de Atención á Diversidade.

Tal como publica hoxe o DOG (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150904/AnuncioG0164-270815-0006_gl.html ), na convocatoria deste ano resultaron beneficiadas un total de 34 entidades que aglutinan a confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de Educación Especial censados na Consellería.

As axudas da Consellería, cuxo importes oscilan entre os 950 e os 9.109 euros, van destinadas á realización de actividades como a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións.

Segundo especifica o Diario Oficial de Galicia, para facer efectivo o pagamento destas axudas, as entidades beneficiadas deberán presentar antes do 31 de outubro os documentos xustificativos dos gastos obxecto de subvención.