Román Rodríguez presenta o proxecto do novo IES de Soutomaior, no que se investirán preto de 5 millóns de euros

O centro, que contará cunha superficie construída de máis de 4.200 metros cadrados, desconxestionará o CPI Manuel Padín Truiteiro, favorecendo así o agrupamento da etapa de ESO nun edificio independente

O departamento educativo da Xunta traballa para comezar coa obra o vindeiro ano

Ven, 28/08/2015 - 12:16
Román Rodríguez presenta o proxecto do novo IES de Soutomaior, no que se investirán preto de 5 millóns de euros
Román Rodríguez presenta o proxecto do novo IES de Soutomaior, no que se investirán preto de 5 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto do novo IES de Soutomaior, no que a Xunta volverá a facer un importante investimento público, de preto de 5 millóns de euros.

Segundo indicou o titular do departamento educativo do Goberno galego, “hoxe damos un paso fundamental, poñendo os alicerces do noso compromiso co obxectivo de que estes planos se convertan nunha realidade en pouco tempo, en aras de beneficiar a toda a comunidade educativa de Soutomaior”.   

De feito, este centro favorecerá o agrupamento da etapa de ESO nun edificio independente, posto que ata agora o alumnado cursaba esta ensinanza no CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior. Por tanto, esta nova obra permitirá desconxestionar o CPI, que pasaría a converterse nun CEIP unha vez rematado o traspaso do alumnado.

O novo IES de Soutomaior, con capacidade para 360 alumnos, contará cunha superficie construída que superará os 4.200 metros cadrados, sen contar os diferentes porches e a pista polideportiva. O edificio, cunha construción sinxela, práctica e duradeira, estará integrado co entorno ambiental e adaptado ao terreo. Ademais, a súa forma modular admitirá futuras redistribucións ou adaptacións a un custo mínimo.

Tres plantas

En total, o edificio distribuirase en tres plantas. Na -1 situarase o ximnasio e a cafetaría, mentres a planta baixa albergará a administración, a biblioteca e a área docente de secundaria. Na planta primeira estarán os seminarios e o resto da área docente.

Segundo explicou o conselleiro, o seu departamento traballa para comezar coas obras o vindeiro ano, aínda que o concello debe dotar a zona primeiro do preceptivo proxecto de urbanización, a través do que quedarán garantidos os servizos de auga, rede de sumidoiros, electricidade, telefonía, gas e acceso rodado.

Compromiso coa educación de calidade

Neste contexto, Román Rodríguez recordou que, pese ás dificultades económicas destes últimos anos, a Xunta mantivo intacto o seu compromiso coa educación pública de calidade. Unha boa proba disto constitúena os centros construídos nestes últimos anos, tales como o IES de Milladoiro, o de Carral, o de Culleredo ou o CEIP de Nós e o de Oroso, así como as importantes ampliacións realizadas noutros co obxectivo de mellorar o día a día de toda a comunidade educativa.

No caso concreto do concello de Soutomaior, a Consellería leva investido nos últimos anos preto de 130.000 euros en diferentes obras de reparación e mellora no CPI Manuel Padín Truiteiro e na EEI de Romariz.