Román Rodríguez visita as obras e ampliación do CEIP Otero Pedrayo, na Laracha

O departamento autonómico investirá máis de 870.000 euros na creación dun novo edificio, que albergará 6 novas aulas de Educación Infantil

As obras estarán rematadas en setembro, co fin de dar resposta ás necesidades da comunidade educativa deste concello coruñés

Mér, 05/08/2015 - 15:55
Román Rodríguez visita as obras e ampliación do CEIP Otero Pedrayo, na Laracha
Román Rodríguez visita as obras e ampliación do CEIP Otero Pedrayo, na Laracha

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP Otero Pedrayo da Laracha, no que o seu departamento está a desenvolver obras de ampliación. O investimento, de máis de 871.000 euros, ten como obxectivo a creación dun novo aulario de 800 metroscadrados de superficie construída, con capacidade para 150 alumnos e alumnas que estará rematado en setembro para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa deste concello coruñés.

Segundo explicou o conselleiro, actualmente está rematada a estrutura e executado o cerramento de ladrillo en fachada e estanse executando as divisións interiores e comezando as instalacións. Ademais, estase a colocar a cubrición de zinc en cuberta.

O novo edificio albergará seis aulas de Educación Infantil de 50 metroscadrados cada unha, aseos, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns (para almacén, cuarto de limpeza e instalacións). Na zona de administración, ubicarase a conserxería, a zona de reprografía e os aseos adaptados. Así mesmo, habilitarase un novo espazo exterior de xogos, dotado de pavimento de caucho. En calquera caso a Consellería contempla, en función da evolución da matrícula no centro, unha segunda fase de ampliación do número de aulas e a conexión dos distintos edificios existentes na parcela.

Deste xeito Román Rodríguez reafirmou o compromiso do Goberno galego coa atención ás necesidades educativas, especialmente nos concellos en crecemento, que este ano se manifestou a través dun investimento de preto de 18,4 millóns de euros do plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería.

Colaboración interinstitucional

Ademais o conselleiro salientou o esforzo do Concello de Laracha en prol da mellora das infraestruturas educativas da localidade; ao executar este verán obras de ampliación no CEIP Alfredo Brañas (Paiosaco). Ademais, ao abeiro do acordo entre o goberno municipal, Consellería e comunidade educativa, crearase un comedor escolar no CEIP de Caión; o que demostra que a colaboración entre as diferentes institucións é a vía idónea para a mellora do sistema educativo.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado pola secretaria territorial da Xunta na provincia da Coruña, Camino Triguero; e polo alcalde da Laracha, José Manuel López Varela.