O conselleiro de Cultura e Educación gaba o labor dos equipos directivos docentes a prol dun ensino de calidade

Román Rodríguez inaugurou hoxe as xornadas de Formación para a Función Directiva 2015, que reúnen en Santiago e máis dun cento de directores e directoras de centros escolares

Mar, 14/07/2015 - 13:42

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou hoxe o importante papel que desempeñan os equipos directivos dos centros escolares a prol dun ensino eficiente e de calidade. Así o expuxo esta mañá durante a inauguración das Xornadas de Formación para a Función Directiva 2015, na que estivo acompañado do director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

O conselleiro salientou que un director ou directora “ten a responsabilidade de ser a pedra angular do funcionamento do centro educativo”, e que os equipos directivos son básicos na xestión dos centros escolares, no desenvolvemento de culturas colaborativas e na implementación de procesos de autoavaliación e mellora.

En propias palabras do conselleiro “a persoa que dirixe un centro é un líder educativo, clave para mobilizar á comunidade educativa e para a autonomía dos centros”; de aí a importancia que acadan estas xornadas na potenciación do desenvolvemento profesional dos equipos directivos de centros do século XXI; xa que, como destacou o responsable de Educación, “a calidade da dirección pode condicionar o éxito dunha organización educativa e precisa de destrezas profesionais máis amplas que as docentes”.

As Xornadas de Formación -que reúnen a máis dun cento de directores e directoras de centros- están organizadas polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). As conferencias levaranse a cabo dende hoxe ata o venres na Escola Galega de Administración Pública. Ao longo das xornadas analizaranse aspectos de índole administrativa, normativos e organizativos, así como estratexias operativas que favorecen a innovación e o dinamismo da comunidade educativa.

Doutra banda, e tamén no eido da formación, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hai uns días o Plan de Formación do Profesorado para o vindeiro curso que impulsará, entre outros aspectos, a adquisición de competencias que se consideran necesarias para un axeitado desenvolvemento da profesión (tales como a xestión do coñecemento ou a destreza nas TIC), e a posta en marcha por primeira vez dun Curso Masivo Aberto en Rede (MOOC) sobre a integración das competencias clave no currículo. A previsión inicial pasa por poñer en marcha máis de 370 actividades formativas e conseguir que 4 de cada 10 centros teñan un plan de Formación Permanente do Profesorado.