A Consellería de Cultura e Educación eleva a 200 o número de alumnos con discapacidades aos que facilitará o servizo de transporte escolar adaptado

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á colaboración con Autismo Ourense, que se suma aos acordos que se asinarán para este mesmo fin con outras 8 asociacións

Xov, 09/07/2015 - 19:14

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinará un convenio de colaboración con Autismo Ourense para a prestación do servizo de transporte escolar, de tal forma que se eleva a 200 o número de alumnas e alumnos aos que o departamento educativo da Xunta de Galicia facilita este servizo complementario adaptado. Neste sentido cómpre lembrar que no Consello da Xunta do pasado 25 de xuño aprobouse a sinatura de convenios con outras 8 asociacións para este mesmo fin que, xunto co hoxe aprobado, sumarán un investimento de máis de 533.000 euros en transporte adaptado.

Trátase de escolares con distintos tipos de discapacidades que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares. Así, os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento rehabilitador, cando este coincida co horario escolar. Ademais, o servizo obxecto do convenio estará adaptado ás necesidades horarias das alumnas e alumnos, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que necesitan.

Ao abeiro destes convenios, as devanditas asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. Pola súa banda, a consellería farase cargo do 80% do gasto derivado da prestación destes servizos.

Os acordos encádranse no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require una atención específica e preferente.