A Xunta destinará arredor de tres millóns de euros en axudas ás familias para a adquisición de material escolar o vindeiro curso

A Consellería de Cultura e Educación habilita un cheque de 50 euros para os alumnos de Primaria e ESO con renda per cápita familiar inferior a 5.400 euros anuais

Entre 60.000 e 70.000 alumnos e alumnas beneficiaranse desta liña de apoio ao ensino posto en marcha polo Goberno da Xunta

Xov, 25/06/2015 - 17:43

O Goberno galego destinará arredor de tres millóns de euros á nova liña de axudas ás familias para a adquisición de material escolar o vindeiro curso 2015-2016. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, elevou ao Consello da Xunta o informe no que se da conta da orde que regulará esta nova liña no eido educativo coa principal finalidade de apoiar ás familias con maiores dificultades.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación habilitará para o próximo curso unha axuda lineal de 50 euros por alumno e curso escolar destinado a compra de material escolar, que beneficiará a entre 60.000 e 70.000 alumnos e alumnas. Poderá acceder a estas axudas o alumnado de Educación Primaria e de ESO, cunha renda per cápita inferior a 5.400 euros anuais por cada membro da unidade familiar. O sistema de reparto farase a través de vales, que os beneficiarios poderán canxear nas librarías.

Nestes momentos a Consellería está tramitando a Orde de regulación das axudas, que sairá publicada no DOG en setembro. Os interesados disporán dun mes de prazo para formalizar as solicitudes.

O sistema de axudas para material escolar basease no actual modelo de axudas a libros de texto, en función da renda familiar.