A Consellería de Cultura e Educación convoca prazas de residencia para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2015/16

Cultura e Educación oferta estas vacantes nos Centros Residenciais Docentes (CDR) da Coruña, Ourense e Vigo

Xov, 18/06/2015 - 11:00

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2015/2016. O obxectivo desta convocatoria é facilitar o acceso ao ensino superior ao alumnado que se escolariza en localidades distintas ao seu domicilio habitual, motivado polo feito de que os estudos que realiza non se impartan en ningún centro sostido con fondos públicos da súa localidade de residencia nin noutra próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade. Cómpre sinalar que un 93% dos usuarios teñen este servizo gratuíto, de acordo cos umbrais de renda da convocatoria 2014/2015.

As vacantes ofertadas facilitaranse en cada web e/ou taboleiro de anuncios dos CDR aos tres días de publicarse no DOG a convocatoria. O alumnado solicitante que obteña praza terá dereito de reserva ata que complete os estudos dun nivel formativo concreto que dea lugar á obtención dun título académico, sempre que non repita curso e non variasen as circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.

Os residentes que rematen un nivel educativo concreto ou ciclo formativo, obtendo ou reunindo as condicións necesarias para acadar o título académico correspondente, non terán reserva de praza, polo que, para poder continuar os estudos deberán presentar unha nova solicitude.

Prazos de presentación e criterios de valoración

A presentación de solicitudes para o alumnado de Bacharelato será dende o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 17 de xullo de 2015; mentres que para os matriculados en ciclos formativos o límite será ata o 7 de agosto de 2015.

Cabe mencionar que as solicitudes deberán presentarse en soporte de papel, preferentemente no centro residencial docente, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As listaxes definitivas ca relación de persoas admitidas, excluídas e adxudicatarias faranse de forma conxunta tanto a través da páxina web da consellería coma no taboleiro ou páxina web do respectivo centro residencial antes do 15 de setembro de 2015.

En canto aos criterios de valoración, sinalar que teranse en conta os datos socioeconómicos, como a composición da unidade familiar, renda, discapacidade ou desemprego; e o rendemento académico.

Os detalles da orde poden consultarse na seguinte dirección: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150618/AnuncioG0164-100615-0001_gl.html