O conselleiro de Cultura e Educación salienta, na clausura do programa 'Atrévete', a importancia de construír unha nova cultura emprendedora desde a escola
Román Rodríguez felicitou hoxe aos participantes neste programa, que busca fomentar este espírito desde o ensino
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na clausura do programa ‘Atrévete’, unha iniciativa da Xunta de Galicia para fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado de primaria e ESO no espírito emprendedor. No acto, no que se entregaron tamén os premios do certame ‘Atrévete a ter unha idea’, o conselleiro salientou o papel desta iniciativa para sensibilizar á comunidade educativa na importancia de construír unha nova cultura emprendedora desde a escola.
O obxectivo deste programa, no que participaron este ano máis de 2.000 escolares de 6º de Educación Primaria e 2º de ESO, é dar a coñecer ao alumnado directamente e a través do profesorado o tecido industrial da súa contorna, en concreto as empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras, e sensibilizar á comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. A inicitiva enmárcase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia 'eduemprende', e en concreto no ámbito da colaboración entre a Consellería e diferentes asociacións empresariais en prol do impulso da cultura emprendedora entre o alumnado e darlle a coñecer ao tecido empresarial da súa contorna.
Neste sentido o conselleiro salientou a implicación do profesorado no desenvolvemento deste tipo de programas, que supoñen un valor engadido aos coñecementos transmitidos a través do currículo escolar. Así mesmo agradeceu ás empresas e asociacións que as integran o seu compromiso coa formación das xeracións máis novas en valores como a iniciativa persoal ou a responsabilidade.
No acto, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, participou tamén o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira.
Actividades e concurso
O programa ‘Atrévete’ estrutúrase en dous tipos de actividades, por unha banda as xornadas de fomento do emprendemento, con visitas a empresas (no caso do alumnado de 2º de ESO) ou cunha charla cun empresario (no caso do estudantes de 6º de Primaria); e por outra o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’. O certame vai dirixido a todo o alumnado participante no programa e consiste en que o estudante presente unha idea de negocio, redactada como máximo en dous folios, que lle xurdira froito desta experiencia.
Tras a valoración do xurado, hoxe entregáronse os galardóns ás mellores propostas de cada curso en cada unha das áreas – A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra- nas que se desenvolveron as actividades.
Así, na área da Coruña, na categoría de 6º de Primaria resultaron galardoadas Karina Rojo Manteiga e Marta Camafeita García, ambas do CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo); mentres que en 2º de ESO foron premiados Fabio Ferreiro Bestilleiro e Antía Pereiro Barreiro, ambos do CEIP Plurilingüe O Cruce (Cerceda). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP Someso e da Asociación de Empresarios de Polígono de Sabón-Arteixo, e participaron 14 centros de ensino.
Na de Santiago, en 6º de Primaria os premios foron para Diego Viqueira Barca e Inés Tuñes Ferín, ambos do CEIP O Coto (Negreira); mentres que en 2º de ESO os galardóns recaeron en Alejandro Lamas Suárez e Alba Fraga Caracedo, ambos do CPI de Bembibre (Val do Dubra). O programa contou nesta área coa colaboración do CIFP Politécnico de Santiago, da Asociación Área Empresarial do Tambre, e coa participación de 13 centros de ensino.
Na área de Ferrol, na categoría de 6º de Primaria recoñecéronse as ideas de negocio Lucía Dacal Manso, do CEIP A Laxe (Ferrol), e Ariadna García Cortizo, do CEIP Isaac Peral (Ferrol); mentres que en 2º de ESO foron galardoadas Lucía Vázquez Romero e Eva Silva Becerro, ambas do IES Fernando Esquío (Neda). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP Ferrolterra e da Asociación de Empresarios de Ferrolterra, e participaron 5 centros de ensino.
No caso de Lugo, na categoría de 6º de Primaria recibiron o premio Paula Reija González, do CEIP Rosalía de Castro (Lugo), e Esteban Rodríguez Rey, do CEIP da Pontenova; mentres que en 2º de ESO foron recoñecidas as ideas de Marina Zurita Díaz e Sara Suárez Redondo, ambas do IES Muralla Romana (Lugo). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP Politécnico de Lugo e da Asociación Polígono Industrial do Ceao, e participaron 11 centros educativos.
Na área de Ourense, na categoría de 6º de Primaria resultaron galardoados Raquel Martínez Rodríguez e Sergio Álvarez Rubio, ambos do CEIP Plurilingüe Seixalbo (Ourense); mentres que en 2º de ESO foron premiados Víctor Domínguez Fernández, do IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), e Lidia Babarro Gómez, do colexio plurilingüe Divino Maestro (Ourense). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP A Farixa e da Asociación de Empresarios Polígono de San Cibrao, e participaron 5 centros de ensino.
Por último, no caso de Pontevedra, recibiron o galardón na categoría de 6º de Primaria Carla Piquín Casabella, do CEIP O Sello (Vigo), e Estefanía Serrano Martínez, do colexio plurilingüe Las Acacias (Vigo); mentres que na de 2º de ESO o premio foi para Luís Corbacho Flores e Valeria Cabral Herreras, ambos do CPI Cova Terreña (Baiona). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP Manuel Antonio e da Asociación de Empresarios Gándaras-Porriño, e participaron 12 centros de ensino.