A Consellería de Cultura e Educación amplía o ensino plurilingüe á etapa de bacharelato

A Consellería publica hoxe a convocatoria para que os centros plurilingües que o desexen poidan estender esta modalidade de potenciación das linguas estranxeiras a estas ensinanzas posobrigatorias

Lun, 08/06/2015 - 18:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para que os centros plurilingües que o desexen soliciten incorporar esta modalidade de potenciación das linguas estranxeiras á etapa de Bacharelato. Neste sentido cómpre sinalar que ata este momento a Rede de Centros Plurilingües – malia ter no seu seo tamén IES- estaba implantada só nas ensinanzas obrigatorias, nomeadamente Primaria e ESO.

A convocatoria de bacharelato plurilingüe abre así a porta a que ata un terzo do horario lectivo do Bacharelato se imparta nunha lingua estranxeira co apoio dun auxiliar de conversa nativo, co que contan todos os centros plurilingües. Para iso, o centro terá que ter implantado o programa plurilingüe en toda a etapa da ESO, ou o que é o mesmo, terse incorporado á devandita Rede no curso 2010/2011 ou 2011/2012. Os requisitos poden consultarse no DOG de hoxe, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150608/AnuncioG0164-290515-0005_gl.html

O obxectivo desta ampliación é favorecer a mellora das competencias do alumnado en lingua estranxeira, fundamentalmente en inglés. Neste caso concreto, e dado o carácter destas ensinanzas de tránsito cara ás superiores – universitarias ou ciclos superiores de FP- ou cara o mercado laboral, o impulso da aprendizaxe de linguas estranxeiras constitúe unha clara aposta pola empregabilidade e mesmo facilita a mobilidade internacional do alumnado.

Plan de potenciación das linguas estranxeiras

Esta nova medida enmárcase no desenvolvemento do Plan de potenciación das linguas estranxeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, posto en marcha no 2010 e que chega no curso 2014/2015 a preto de 85.500 alumnas e alumnos; o que supón que 4 de cada 10 estudantes galegos do ensino obrigatorio se benefician desta estratexia da Xunta de Galicia para a aprendizaxe de idiomas.

No curso 2014/15 hai un total de 220 centros plurilingües e 3.223 seccións bilingües, que se van incrementando de forma progresiva ano a ano.