A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 456.000 euros á ampliación do CIFP A Xunqueira en Pontevedra

Estas obras súmanse ás melloras executadas na instalación eléctrica do centro nos últimos anos

Ven, 05/06/2015 - 11:15

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se licita a contratación da obra de ampliación do CIFP A Xunqueira (Pontevedra), cun orzamento de 456.413,71 euros, unha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Coa execución desta obra pecharanse os laterais da antiga pista polideportiva cuberta para o acondicionamento neste espazo de 635,12 metroscadrados en superficie construída de 624,23 m2 en superficie semiaberta, ademais dunha pasarela exterior cuberta de 77,80 m2 para conexión coas edificacións existentes. As novas instalacións acolleran: un taller de madeira para a FP Básica, un almacén e un lugar para que o alumnado poda realizar prácticas de montaxe das casas prefabricadas de madeira e estruturas similares. O inicio das obras está previsto contra o verán, co fin de evitarlle as molestias á comunidade educativa.

O investimento da Consellería na ampliación do CIFP A Xunqueira convértese nunha clara demostración do seu apoio ós estudos de FP e reforza a estratexia de posta en valor dos mesmos que se ten desenvolvido nos últimos anos.

A resolución pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150605/AnuncioG0164-020615-0002_gl.html