Cultura e Educación abre o prazo para que os centros educativos soliciten estadías de inmersión lingüística en inglés dentro da Comunidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que regula a convocatoria e selección de centros para participar nestas actividades, dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e secundaria

As estancias serán dunha semana de duración e levaranse a cabo entre os meses de novembro e decembro deste ano

Lun, 01/06/2015 - 19:27

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que os centros docentes soliciten a súa participación nas actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa organizadas dentro da propia Comunidade que se desenvolven entre os meses de novembro e decembro. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regula a convocatoria e selección de centros para participar nunhas estadías que están dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e a todas as etapas de educación secundaria obrigatoria.

Estas estadías lingüísticas, dunha semana de duración e organizadas en cinco quendas, desenvolveranse durante o curso escolar –en concreto, entre os meses de novembro e decembro deste ano– nun centro residencial situado en Galicia.

O obxectivo destas actividades de formación é que o alumnado desenvolva nun contorno real a súa comunicación en inglés, complementando esta formación con actividades de carácter cultural e lúdico, co fin de estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite o ámbito escolar. Para conseguir o maior rendemento posible da estadía, o profesorado será nativo en lingua inglesa.

A convocatoria enmárcase no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras da Consellería de Cultura e Educación, e contribúe a desestacionalizar e ampliar fóra do verán este tipo de actividades de formación en idiomas.

Solicitudes

Os centros dependentes da Consellería que queiran optar a participar nestas actividades poderán presentar a súa solicitude dende mañá martes ata o próximo 18 de setembro. Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e alumnas, todos do mesmo nivel educativo. En todo caso, os detalles da resolución poden consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150601/AnuncioG0164-250515-0001_gl.html.  Os centros que resulten seleccionados deberán enviar á Consellería, antes do día 31 de outubro de 2015, a listaxe de alumnado que vaia gozar das estadías.

A primeira das cinco quendas, que se levará a cabo do 1 ao 7 de novembro será para os estudantes de sexto de primaria; a segunda, do 8 ao 14 de novembro, para os estudantes de primeiro de ESO; a terceira, do 15 ao 21 de novembro, para os de segundo de ESO; a cuarta, do 22 ao 28 de novembro, para os de terceiro de ESO; e, xa por último, a quinta quenda, que será do 29 ao 5 decembro, para o alumnado de cuarto de ESO.