A Consellería de Cultura e Educación incrementa nun 40% o orzamento da convocatoria de axudas ás asociacións de nais e pais de alumnado de centros de educación especial

O pasado ano beneficiáronse deste apoio un total de 31 entidades de toda Galicia

Ven, 29/05/2015 - 12:15

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial  para o ano 2015. Nesta ocasión o orzamento da convocatoria increméntase nun 40%, ata chegar aos 73.483,35 euros, o que reafirma o compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coa atención ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa, xa consolidado a través de accións como a publicación do Decreto de Atención á Diversidade.

As axudas destinaranse tanto á realización de actividades como a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, que se orixinen no período subvencionado. Para solicitalas, as confederacións, federacións e asociacións deberán presentar o orzamento desagregado de cada unha das devanditas actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, ou da adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións; así como o plan de actividades para as cales se solicita a axuda, facendo constar unha breve memoria por cada unha delas; entre outros requisitos que se poden consultar no DOG, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150529/AnuncioG0164-210515-0003_gl.html .

O pasado ano beneficiáronse destas axudas un total de 31 entidades. A contía das axudas oscilou entre os 700 e os 7.724, 53 euros, en función do número de actividades, ou de asociados, entre outros criterios de avaliación.