Cultura e Educación e a empresa Seat unen forzas en torno á formación práctica do alumnado de FP coa entrega dun vehículo ao CIFP Politécnico de Santiago

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, asistiu ao acto de entrega do coche, doado polo concesionario Compostela Motor

Lun, 27/04/2015 - 14:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a empresa SEAT seguen afondando na vía de colaboración aberta co obxectivo de mellorar a formación práctica do alumnado de FP. Neste caso, a unión de forzas visualízase coa entrega do vehículo Seat Exeo ao CIFP Politécnico de Santiago, cun especial interese para a familia profesional de Transporte e mantemento de vehículos. Ao acto asistiu o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

Con esta acción, a empresa automobilística contribúe a que o alumnado da FP galega poida realizar formación práctica con recursos reais. Trátase, ademais, dunha colaboración habitual, xa que tamén se destinaron cadanseus turismos ao alumnado de FP do IES da Cañiza e ao do IES nº1 de Ordes. No caso do centro compostelán, este vehículo -doado polo concesionario Compostela Motor- súmase ao motor entregado por PSA Peugeot Citroën.

Este tipo de iniciativas, que tamén se desenvolven en colaboración con outras empresas de fabricación de vehículos, favorecen a creación de sinerxías entre empresa e sistema educativo, xa que os estudantes serán os futuros traballadores e axentes fundamentais para o crecemento e innovación na súa industria en particular, e para o tecido empresarial galego en xeral.

Ademais do director de Educación, ao acto no centro tamén asistiron o delegado de zona de SEAT, Celso Martínez; o xefe de posventa de Compostela Motor, Fernando Dafonte, así como os xerentes do concesionario, Francisco Pérez e José Cortegoso.