A Consellería de Cultura e Educación busca estender a rede de centros plurilingües de cara ao próximo curso

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a incorporación de novos centros a este modelo educativo, ao que xa están adheridos 220

Xov, 16/04/2015 - 12:55

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende estender a Rede de Centros Plurilingües de Galicia cunha nova convocatoria –que sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia– de cara ao próximo curso 2015/2016. Os centros de educación primaria e secundaria sostidos con fondos públicos que queiran adherirse a este modelo educativo deberán presentar a súa solicitude antes do 30 de abril.

A convocatoria pode consultarse no enderezo electrónico http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150416/AnuncioG0164-070415-0002_gl.html

Nela terán que incluír o proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos de ampliación no ano académico 2015/2016, así como a planificación e extensión na etapa nos vindeiros períodos.

Ademais, cada centro deberá concretar as áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, xuntar información relativa á experiencia en plans e programas anteriores vinculados a este ámbito e enviar unha relación do profesorado con destino definitivo –ou contratado no caso dos concertados– encargado de impartir docencia. Neste sentido, tamén se requirirá a pertinente titulación que acredite a competencia lingüística dos docentes.

As solicitudes poderán presentarse, preferiblemente, vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. Os centros que soliciten integrarse a esta rede o vindeiro curso sumaranse aos 220 que actualmente teñen este modelo educativo baseado no plurilingüismo.