Cultura e Educación convoca 140 prazas para que o profesorado realice itinerarios formativos no estranxeiro para a mellora das súas competencias lingüísticas

Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal, Alemaña e EEUU son os destinos aos que poderán optar os docentes, cunha duración das estadías de ata 4 semanas, dependendo da modalidade
Nesta convocatoria ofértanse por primeira vez formación para o profesorado de FP e auméntanse as prazas para lingua portuguesa
Mér, 15/04/2015 - 10:40

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de convocar 140 prazas para a realización de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística e comunicativa do profesorado. Así o recolle a orde de convocatoria publicada hoxe no DOG, que pode consultarse no enderezo electrónicohttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150415/AnuncioG0164-080415-0005_gl.html .

Ao abeiro do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) a Consellería oferta itinerarios intensivos para potenciar a consolidación e adquisición de niveis de competencia lingüística, dando a oportunidade aos participantes neles de poñer en práctica os seus coñecementos no contexto dun país no que se fala a lingua en cuestión. O obxectivo é formar profesionais debidamente cualificados para impartir clases na rede de 3.223 seccións bilingües e 220 centros plurilingües do sistema educativo de Galicia.

Nesta convocatoria para o ano 2015, mantense a oferta de prazas pero redistribúense para atender as demandas e necesidades do profesorado. Entre os cambios, cómpre salientar o aumento de prazas para o profesorado de lingua portuguesa ou o profesorado CLIL en portugués. Ademais, como novidade nesta convocatoria, ofértase formación para o profesorado de FP na modalidade de integración en centros canadenses.

Destinatarios

A convocatoria vai dirixida ao profesorado especialista en inglés que estea a impartir ensinanzas de lingua estranxeira en educación infantil, primaria e secundaria; a profesorado especialista de francés e inglés; e a profesorado AICLE/CLIL (de áreas, materias ou módulos non lingüísticos impartidos en inglés) de educación primaria, secundaria obrigatoria, de bacharelato ou de formación profesional, que estea a participar nos programas de seccións bilingües e/ou centros plurilingües.

Así mesmo, poderán participar os docentes non especialistas que impartan ensinanzas establecidas na Lei Orgánica de Educación, en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Inspección Educativa. Tamén poderán optar ás prazas das actividades o profesorado que teña previsto participar no programa de seccións bilingües ou o de centros plurilingües a partir do curso 2015-2016.

Modalidades

Os itinerarios formativos realizaranse en 3 modalidades diferentes. A primeira delas constará dunha primeira fase dun curso de formación en inglés en Galicia, seguido dun período de inmersión no país da lingua estranxeira obxecto de ensino e aprendizaxe, cunha duración de tres semanas que se realizará no mes de xullo de 2015 en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A segunda modalidade consistirá nun programa de inmersión total en inglés, con integración na vida escolar en centros escolares de Canadá e Portugal, acompañados por un docente da súa mesma área ou materia durante catro semanas no primeiro trimestre do curso 2015-2016. A terceira modalidade consistirá en cursos de dúas semanas no Reino Unido, Francia, Alemaña ou Portugal.

En todos os casos os beneficiarios deberán realizar unha fase final de elaboración de materiais de uso didáctico, para a sociedade da información, no primeiro trimestre do curso 2015-2016. No caso das actividades de integración o profesorado participante deberá elaborar tamén unha proposta de difusión da experiencia no estranxeiro.