Vázquez Abad informa de que os plenos do Consello Galego de Universidades incluirán puntos específicos para que os reitores e os Consellos Sociais transmitan ao pleno a información que consideren oportuna

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu hoxe a reunión do CGU, que a partires de hoxe terán un espazo para que os máximos responsables das universidades galegas e dos Consellos Sociais dean conta de informes, estudos ou acordos de interese

Lun, 22/12/2014 - 16:55

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Universidades (CGU), órgano que avanzará a partires de hoxe no que atinxe á súa comunicación interna real grazas á introdución na orde do día de puntos específicos para que os reitores e os presidentes dos Consellos Sociais poidan poñer en coñecemento do pleno aquelas informacións, novidades, estudos ou acordos que consideren oportuno. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que o propio regulamento do CGU indica que é a súa función “facilitar o coñecemento mutuo, as consultas recíprocas e o intercambio de información entre as universidades galegas en todas as súas esferas de actividade, así como entre estas e a Xunta de Galicia, en especial en relación con aquelas intervencións que deban acometerse conxuntamente ou que afecten a máis dunha universidade”.

Dando cumprimento á orde do día da reunión de hoxe someteuse a votación a autorización na Universidade de Santiago de Compostela, do Programa oficial conxunto de Doutoramento Erasmus Mundus en Nanomedicina e Innovación Farmacéutica, coordinado pola Universidade D’Angers (Francia) e coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, University of Nottingham (Reino Unido), Université Catholique de Louvain (Bélgica), Université D’Angers (Francia), Université de Liège (Bélgica) e Université de Nantes (Francia); así como a  autorización de implantación para o curso 2015-2016 das ensinanzas universitarias oficiais de Grao en Tradución e Comunicación Intercultural e Grao en Publicidade e Relacións Públicas no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), adscrito á Universidad de San Jorge. En ambos os casos o pleno optou por votar a favor da autorización.

Así mesmo o pleno do CGU someteu a votación, con resultado positivo, o inicio do proceso de extinción dos plans de estudos dos seguintes títulos de Grao e Máster universitario coa conseguinte revogación de autorización de implantación nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Cómpre sinalar que ningunha destas titulacións se oferta xa, na maioría dos casos por ter sido transformadas ou substituídas por outras similares.

Reunións cos vicerreitores de titulacións

O pleno do CGU coñeceu hoxe tamén o avance das reunións que o departamento educativo da Xunta está a manter cos vicerreitores de titulacións do SUG. Neste sentido recordouse que está en marcha o proceso de renovación da acreditación das titulacións e informouse que, malia que a Consellería distribuíu un calendario coas datas de renovación, permitirase o adianto da visita dos avaliadores –previo acordo da universidade e da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)- aos centros de tal forma que abrangan todas as titulacións dunha mesma facultade, en aras dunha maior eficiencia e axilidade.

Respecto das titulacións que nos 3 últimos cursos non reuniran o número mínimo de alumnas e alumnos indicado no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia; as tres universidades do SUG foron xa informadas de que deberán presentar o pertinente Plan de Viabilidade en marzo de 2015 – como data límite-, co fin de realizar as modificacións necesarias que as adapten á realidade e á necesidade do sistema universitario, social e produtivo de Galicia. Unha vez presentados será a axencia independente ACSUG a encargada de avaliar estes documentos.

Plan de financiamento, prazas autorizadas e bolsas

Ademais das devanditas sesións de traballo dos vicerreitores, o Consello Galego de Universidades abordou o avance das reunións para a elaboración do novo Plan de Financiamento do SUG, convidando aos membros do grupo a facer achegas, datos, e reflexións que poidan servir para dar forma ao documento.

Por outra banda, o conselleiro informou ao pleno do número de prazas autorizadas ás universidades do SUG durante o ano 2014 mediante o procedemento de autorización conxunta das Consellerías de Facenda e de Cultura e Educación. En total foron 315 prazas, que se engaden ás que lles corresponderían pola aplicación da taxa de reposición do 10% que supoñen neste ano 10 prazas.

Así mesmo, e xa no que atinxe ás accións de apoio ao estudantado universitario, o conselleiro explicou que neste ano resultaron beneficiarios de bolsas un total de 1.788 estudantes, a través das diferentes liñas de convocatoria publicadas polo seu departamento.