A Consellería de Cultura e Educación presenta en Donostia ‘Nimbos / Argi-koroak’, a edición bilingüe galego-éuscaro da obra diazcastriana

O secretario xeral de Política Lingüística deuna a coñecer hoxe na sede do Goberno Vasco en Guipúscoa e na Casa de Galicia de Donostia, en senllos actos nos que estivo acompañado polo seu homólogo vasco, polo presidente da RAG e por un dos fillos do autor guitiricense
O proxecto, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Eusko Jaurlaritza-Gobierno Vasco, pecha a programación de actividades conmemorativas postas en marcha pola Administración galega co gallo das Letras Galegas 2014
Gerardo Markuleta é o encargado de verter ao éuscaro os versos de Díaz Castro, nunha edición na que o prólogo corre ao cargo de Xesús Alonso Montero e o epílogo ao de Xosé Estévez
Mar, 16/12/2014 - 20:20
A Consellería de Cultura e Educación presenta en Donostia ‘Nimbos / Argi-koroak’
A Consellería de Cultura e Educación presenta en Donostia ‘Nimbos / Argi-koroak’, a edición bilingüe galego-éuscaro da obra diazcastriana

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe en Donostia “Nimbos / Argi-koroak”, a edición bilingüe galego-éuscaro da obra díazcastriana coa que a Xunta de Galicia pecha a ampla programación de actividades e de proxectos postos en marcha co gallo da celebración das Letras Galegas 2014, dedicadas a Xosé María Díaz Castro.

O encargado de dar a coñecer esta coedición que sae do prelo no marco da colaboración entre os gobernos galego e vasco, foi o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen compareceu ao mediodía ante os medios de comunicación na sede do Goberno Vasco en Guipúscoa, acompañado por Patxi Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística, e mais por José María Díaz Zubizarreta, un dos fillos do autor guitiricense.

Díaz Castro, ponte entre Galicia e Euskadi

Segundo destacou o secretario xeral durante a súa intervención “a importancia desta obra é de gran calado para a proxección exterior da lingua propia de Galicia e para o diálogo e o intercambio cultural, mais non só, xa que Xosé María Díaz Castro tivo ao longo da súa vida unha estreita relación co País Vasco, ao que estivo unido por estreitos elos vitais e afectivos, non sendo o menor deles a circunstancia de que a que foi a súa muller, Teresa Zubizarreta Bengoetxea, é vasca, e vascos son os seus tres fillos”.

Pola súa banda, o viceconselleiro vasco incidiu en que “a vida e a traxectoria literaria de Díaz Castro amosan coa meirande nitidez unha das funcións máis nobles da literatura, a mesma que posúen as linguas: a de construír pontes. E este libro constitúe en si mesmo toda unha ponte entre o autor e os lectores, mais tamén unha ponte entre dúas linguas e comunidades lingúísticas que desexan vivir e seguir avanzando asomadas á cornixa atlántica europea. Unha ponte entre o galego e o éuscaro. Unha ponte entre quen le en éuscaro e en galego”.

Xa no serán, dous actos celebráronse parellamente para dar a coñecer a novidade editorial que lle ofrece ao lector euskaldún a poesía diazcastriana: un deles na Casa de Galicia de Donostia, no que participaron García Gómez e Patxi Baztarrika acompañados polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; polo vicepresidente da Casa de Galcia en Donostia, Manuel Gómez, e, novamente, por José María Díaz Zubizarreta, fillo de Díaz Castro. O outro na Casa da Cultura de Aizpurunea (no concello de Urretxu, onde residiu Díaz Castro durante a súa estadía en Euskadi), no que participaron o escritor e editor de ‘Nimbos’ Luís González Tosar e o historiador galego Xosé Estévez.

Nimbos / Argi-koroak’

‘Nimbos / Argi-koroak’, a edición bilingüe galego-éuscaro da obra diazcastriana, enmárcase na ampla programación de actividades impulsadas este ano polo Goberno Galego para homenaxear a Díaz Castro e dar a coñecer a súa vida e obra co gallo da celebración das Letras Galegas 2014.

O poemario edítano conxuntamente a Xunta de Galicia e o Eusko Jaurlaritza-Gobierno Vasco e prológao Xesús Alonso Montero cun extenso e exhaustivo estudo sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, nunha edición bilingüe na que a versión en éuscaro corre ao cargo do tamén poeta Gerardo Markuleta e o epílogo ao do tamén profesor da Universidade de Deusto Xosé Estévez, quen aborda nel as relacións do autor guitiricense con Euskadi.

Nimbos’ en éuscaro e tamén en inglés, italiano e ruso

Para dar a coñecer no exterior a obra de Díaz Castro, así como para impulsar a proxección internacional da literatura galega, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, amais de ao éuscaro, tamén promoveu este ano as traducións de ‘Nimbos’ ao inglés –baixo o título ‘Halos’ e na colección Galician Classics da man de John Rutherford; ao ruso -realizada polo Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo, da man da súa directora, Elena Zernova- e ao italiano, baixo o título ‘Nimbi’, obra que inaugurou o proxecto Letras Galegas no Mundo da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Todas estas edicións de ‘Nimbos’ teñen a súa orixe na ampla programación de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2014, entre as que destaca a exposición ‘Nimbos de luz’, que remata estes días na Casa dos Poetas de Celanova a itinerancia que deu a coñecer a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro en case unha vintena de concellos de Galicia.