O conselleiro de Cultura e Educación, na entrega dos premios do concurso de fotografías ‘A miña patria, my homeland’, no Parlamento de Galicia

Xesús Vázquez Abad subliñou que iniciativas coma esta contribúen a que os rapaces e rapazas reforcen as súas destrezas en lingua inglesa, ao tempo que fomentan a creatividade, a innovación e valores como o respecto e a tolerancia

No decurso do acto, que estivo presidido pola titular da Cámara, Pilar Rojo, fixéronselle entrega dos galardóns a alumnos do IES Campo de San Alberto de Noia

Este proxecto enmárcase dentro do programa educativo europeo Comenius Regio que ten como obxectivo que os mozos e mozas adquiran competencias básicas para a vida mediante a mellora do plurilingüismo, o uso das TIC e o emprendemento

Xov, 11/12/2014 - 13:55
O conselleiro de Cultura e Educación, na entrega dos premios do concurso de foto
O conselleiro de Cultura e Educación, na entrega dos premios do concurso de fotografías ‘A miña patria, my homeland’, no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu hoxe a entrega dos premios do concurso de fotografías ‘A miña patria, my homeland’, nun acto presidido pola titular da Cámara autonómica, Pilar Rojo, e no que participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira.

Este concurso enmárcase dentro do programa educativo europeo Comenius Regio ‘Education and the labour market’, do que España é socio xunto con Grecia. Por parte de Galicia, xunto coa Consellería de Cultura e Educación, tamén participan o Parlamento, o IES Campo de San Alberto de Noia e o club de tempo libre O Treito de Lousame.

Na súa intervención o conselleiro Xesús Vázquez Abad destacou o labor dos participantes xa que “todos eles dan mostra dun excelente traballo ao coordinarse para aportar cada un o mellor da súa experiencia en beneficio dun proxecto común”. Cómpre lembrar que os socios do proxecto elaboran de xeito conxunto unha guía turística e unha páxina web e, ademais, realizan seminarios temáticos e convocan concursos de fotografía -cuxos  resultados se expoñen no Parlamento-, e de vídeo, entre outras múltiples actividades.

Así mesmo Vázquez Abad salientou que o mencionado proxecto permite que alumnos e alumnas de Galicia e Grecia traballen durante dous cursos “en actividades encamiñadas a aumentar a súa empregabilidade, realizando cursos vinculados coas competencias e cualificacións profesionais”. Segundo explicou o conselleiro, este tipo de iniciativas son fundamentais na medida en que contribúen a reforzar as destrezas lingüísticas dos rapaces, a promover valores como a diversidade, o respecto e a tolerancia, e a fomentar a creatividade, a innovación e o espírito emprendedor.

Premiados

O concurso de fotografías ‘A miña patria, my homeland’ contou cunha ampla participación de alumnado grego e galego, xa que se presentaron un total de 158 fotografías e 32 series fotográficas.

De todas elas o xurado seleccionou para o primeiro premio a fotografía de Sergio Mayo Esteiro ‘Pensamento de Vida’, que mostra unha man curtida de traballador que representa o esforzo e a vida. O segundo premio foi para Alicia Fontenlos Martínez por ‘Paisaxe de Louro’, unha instantánea escollida pola súa calidade e o seu encadre. O terceiro premio recaeu en Irene Papautsi pola obra ‘Cobblestone o Makrinitsa’, na que se amosa a riqueza patrimonial grega a través dun encadre con profundidade e varios planos.O xurado tamén seleccionou a serie nº 29, de Nélida Pouso Romero, como premio á mellor serie.

O conselleiro rematou a súa intervención animando a todos “a seguir avanzando e desenvolvendo proxectos de formación innovadores como o que celebramos hoxe”, ao tempo que comprometeu o apoio do departamento que dirixe “a este tipo de iniciativas tan beneficiosas para favorecer o desenvolvemento de cidadáns europeos”.