A Consellería de Cultura e Educación organiza unha xornada de formación sobre o programa eTwinning para 200 docentes

A iniciativa enmárcase no Plan Anual de Formación do Profesorado 2014-2015

Sáb, 29/11/2014 - 11:00
Manuel Corredoira na xornada de formación sobre o eTwinning
Manuel Corredoira na xornada de formación sobre o eTwinning

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI),organizou para este sábado na EGAP unha xornada de formación sobre o eTwinning, no marco do Plan Anual de Formación do Profesorado 2014-2015. O obxectivo é dar a coñecer aos 200 docentes inscritos nesta actividades e este programa, que na actualidade forma de Erasmus+. A importancia do proxecto eTwinning baséase en que combina un modelo didáctico de aprendizaxe cooperativa en rede; flexible e xestionado polo propio profesorado, cunha mínima carga burocrática e que se desenvolve nunha plataforma fiable e segura.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración do encontro no que, ao longo do día se afondará nas posibilidades desta ‘rede social’ educativa europea , como o uso do ‘TwinSpace’ como escenario virtual de aprendizaxe colaborativa, ou a utilidade deste modelo para o desenvolvemento das competencias clave. Así mesmo, representantes de diferentes centros educativos galegos presentarán proxectos eTwinning recoñecidos con distincións á súa calidade, correspondentes a diferentes etapas educativas. No encontro participou tamén o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila.

eTwinning ofrece ao profesorado un modelo de traballo colaborativo en rede cunha dimensión europea nas linguas dos 33 países participantes. O programa vai dirixido a todos os niveis non universitarios e a todas as áreas de coñecemento e da práctica educativa, o que representa un espazo virtual idóneo para o desenvolvemento de competencias profesionais e intercambio de coñecemento e experiencia.

Coa implantación en 2014 de Erasmus+ o programa eTwinning integrouse na acción clave 2 (KA2), como plataforma de apoio, ofrecendo un espazo de colaboración virtual, unha comunidade de aprendizaxe e outros servizos on-line. Así, convértese en porta de entrada ás diferentes accións contempladas no contexto xeral de Erasmus+ e ferramenta fundamental para busca de socios e desenvolvemento das diferentes accións nas tres accións clave do programa, o que dá unha idea da flexibilidade e funcionalidade da plataforma.

Menús News node R