A Consellería de Cultura e Educación lidera un proxecto transnacional para favorecer o acceso das empresas aos países lusófonos a través do impulso do coñecemento do portugués

A iniciativa ‘EMPORT’ deu como resultado a publicación dun curso gratuíto de lingua portuguesa en liña dirixido aos empresarios que traballan de forma habitual co país veciño, e con outros como Brasil, Angola e Mozambique
Ven, 28/11/2014 - 13:27
‘EMPORT’
‘EMPORT’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrou hoxe en Santiago de Compostela o seminario internacional ‘A lingua portuguesa e os negocios nos países lusófonos’, co que se pon o broche final ao proxecto transnacional EMPORT liderado polo departamento educativo da Xunta de Galicia para favorecer o acceso das nosas empresas aos países lusófonos. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participou na inauguración deste encontro celebrado no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) ao que asistiron máis de 100 persoas, e no que se afondou na relación entre os coñecementos de portugués e o desenvolvemento comercial internacional en países con esta lingua. Para iso cóntase coa presenza de profesionais do Instituto de Linguas Modernas, de Santiago de Compostela, Instituto Camões de Vigo e ESADE de Barcelona,  así como representantes do IGAPE e dunha empresa situada no mercado brasileiro.

Durante os dous últimos anos, a Consellería coordinou as actividades do proxecto EMPORT, cuxo principal resultado é un curso de portugués para empresarios baseado nas necesidades reais das empresas que están a traballar cos países lusófonos, en especial Brasil, Angola e Mozambique, e que utiliza as TIC para crear un método de aprendizaxe dinámico, con animacións, imaxes e arquivos de son, como principal soporte.

EMPORT presenta diferentes escenarios que poñen ao estudante en situación reais relacionadas cós negocios e os axudan a familiarizarse ca cultura e os modos de relacionarse de cada un dos países lusófonos. O rápido crecemento de algúns países lusófonos e o atractivo empresarial que representan outros, é a base que xustifica a creación deste curso, xunto ca falta de oportunidades que está a sufrir Europa nestes intres. A través de EMPORT ofértase aos empresarios europeos unha ferramenta que lles permite coñecer a lingua portuguesa e así entaboar relacións comerciais con países lusófonos. Engádeselle a isto a información que acompaña o curso, de tipo económico e cultural, así como as recomendacións sobre cómo comportarse durante una reunión de negocios en Timor Oriental, cales son os sectores en alza en Cabo Verde ou os lugares que non se pode deixar de visitar nas viaxes a Angola. O curso EMPORT xa está dispoñible en liña de forma gratuíta na páxina web do proxecto (www.learningportuguese.eu ).