A Consellería de Cultura e Educación convocou máis de 1.000 prazas para que o alumnado galego mellore as súas competencias en inglés en estadías lingüísticas

O conselleiro visitou hoxe a alumnas e alumnos que participan nas actividades que se están a organizar este outono no Centro de Excelencia dos Peares

Mar, 18/11/2014 - 11:35
O conselleiro visitou hoxe a alumnas e alumnos que participan nas actividades qu
O conselleiro visitou hoxe a alumnas e alumnos que participan nas actividades que se están a organizar este outono no Centro de Excelencia dos Peares

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou esta mañá a alumnas e alumnos que están a participar nas estadías lingüísticas para a mellora das competencias en lingua inglesa no Centro de Excelencia para a Formación en Inglés nos Peares, unha liña de actuación enmarcada no Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. En total preto de 400 estudantes pasarán polas aulas este outono ao abeiro deste programa, totalmente gratuíto para as familias, que se suma ao organizado no verán neste mesmo sentido, de tal forma que a Consellería convocou este ano máis de 1.000 prazas para avanzar na mellora da cualificación en linguas estranxeiras da mocidade galega.

No programa de estadías lingüísticas de outono 2014 participan case 400 alumnos de 6º de Primaria e de todos os curso de ESO de 18 centro educativos, en concreto dos CEIP Plurilingüe Cruceiro (Sanxenxo), de Baño-Xanza (Valga), Rosalía de Castro (Vilagarcía de Arousa), Pepe de Xan Baña (Santa Comba); do CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda) e dos CPIs de Bembibre (Val do Dubra), Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), de Zas (Zas), Virxe do Monte (Cospeito) e de Cova Terreña (Baiona). No referido aos IES foron seleccionados na resolución da convocatoria os IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas (Oleiros), Aquis Celenis (Caldas de Reis), e de Ames (Ames), e os IES República Oriental do Uruguai (Vigo), Aquis Querquenis (Bande),  Terra de Turonio (Gondomar), da Terra Chá, José Trapero Pardo (Castro de Rei) e Ribeira do Louro (O Porriño). Cómpre salientar que a iniciativa do outono foi todo un éxito, xa que participaron na convocatoria preto de 130 centros educativos.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández Pellicer; polo director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; polos alcaldes de Pantón, A Peroxa e Nogueira de Ramuín; e polos xefes territoriais da Consellería en Lugo, María Carmen Gueimunde, e en Ourense, Mercedes Gallego.

Actividades de formación e culturais

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo salientar a importancia deste tipo de iniciativas no desenvolvemento especialmente da competencia oral, achegándolles aos rapaces a lingua inglesa a través dunha serie de actividades que as alumnas e alumnos perciben dunha forma atractiva como complemento ás leccións que se lles imparten nas aulas. De feito, o deste programa de outono é conseguir unha experiencia de comunicación neste idioma nun entorno no que se combina a aprendizaxe da lingua inglesa e se mesturan actividades de formación e actividades culturais. Así, ao longo das estadías combínanse clases de inglés, con talleres de música ou de arte, entre outro tipo de actividades realizadas de forma íntegra en inglés.