A Consellería de Cultura e Educación reúne en Compostela a preto de 1.100 profesores e profesoras nas V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

As alfabetizacións, múltiples, a lectura crítica, os proxectos interdisciplinares arredor das ciencias, o traballo coa información, o papel das bibliotecas escolares na sociedade do coñecemento, claves nestas xornadas

No encontro presentarase tamén a nova plataforma de acceso ao préstamo de libro electrónico GaliciaLe

Xov, 06/11/2014 - 14:15
V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela durante os días 7 e 8 de novembro as V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, nas que participarán preto de 1.100 profesores e profesoras de toda a comunidade, todos eles integrantes dos equipos de bibliotecas dos centros ou interesados na utilización deste recurso educativo no seu labor docente. 

Esta actividade é resultado da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, responsable dos programas de bibliotecas escolares da consellería, e a Rede de Formación do Profesorado, a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

Formación do profesorado e dinamización

Estas xornadas supoñen unha ocasión para avanzar na formación do profesorado que xestiona e dinamiza as bibliotecas escolares galegas, e de todos aqueles que estean interesados no fortalecemento dun instrumento esencial nos centros escolares para mellorar a calidade do ensino que se oferta e paliar as desigualdades, ao facilitar a toda a comunidade educativa os recursos culturais máis elementais: os libros e a oportunidade de lectura e de acceso ao coñecemento en calquera soporte: audiovisual, impreso ou dixital.

As actividades de formación que ano a ano vén ofertando a Consellería en materia de bibliotecas escolares (xornadas, encontros, cursos on line, cursos presenciais, formación en centros) teñen contribuído, entre outros factores, aos resultados acadados polas bibliotecas escolares galegas, recoñecidas a nivel estatal e referentes en moitas actividades nas que foron pioneiras: a “hora de ler”, os clubs de lectura, a educación en información, o traballo por proxectos, as lecturas compartidas, a colaboración con outras bibliotecas. O esforzo das comunidades educativas, así como a implicación da administración a través do Programa LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe) de bibliotecas escolares permite ao alumnado galego contar cun instrumento de calidade ao servizo da súa formación.

Relatorios e experiencias de centro

A organización destas V Xornadas ofrece un programa intensivo coa participación de expertos en diversos ámbitos que atinxen á lectura na sociedade da información, ao papel que deben xogar as bibliotecas escolares nos centros educativos diante da incorporación dos recursos dixitais ou á selección enriquecida de recursos electrónicos dispoñibles na Rede.

A divulgación científica estará presente a través do escritor Ricardo Gómez, matemático e autor de literatura infantil e xuvenil, narrativa de adultos e libros de divulgación, quen dará a conferencia inaugural das xornadas. Mónica Baró, profesora da Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona incidirá na función da biblioteca escolar no sistema educativa actual, á primeira hora da xornada do sábado. Pola súa parte, Javier Guallar, Profesor de Documentación e Comunicación en diversas universidades, introducirá aos asistentes na “curación de contidos”, unha das novas profesións xurdidas no mundo de internet e que consiste en seleccionar, comentar e ofrecer contidos relevantes e de calidade ás persoas que forman parte dunha determinada comunidade de usuarios (lectores dunha biblioteca, profesorado e alumnado dun centro educativo, traballadores dunha empresa) en función das súas necesidades. Pechará as xornadas o profesor da Universitat Autònoma de Barcelona, José Manuel Pérez Tornero, xornalista, experto e consultor da UNESCO e da Unión Europea en materia de alfabetización informacional e mediática, que falará das posibilidades da biblioteca escolar na formación do alumnado para un uso eficaz dos medios de comunicación e unha lectura crítica da información.

Xunto aos expertos, daranse a coñecer experiencias de calidade procedentes dun total de 17 centros educativos de toda Galicia que permitirán achegarse ao funcionamento da biblioteca e a proxectos de comunidades educativas que avanzan na educación do alumnado do século XXI mediante o uso de metodoloxías máis acordes coas necesidades deste alumnado; propostas de carácter interdisciplinar nas que os nenos e as nenas aprenden os contidos curriculares mediante a investigación e o uso de fontes informativas moi diversas, traballando de forma colaborativa. Centros educativos nos que a lectura e o traballo coa información é un dos eixos transversais que permiten unha educación máis integradora. Boa parte destas experiencias que se presentan están relacionadas coas matemáticas e as ciencias en xeral, un ámbito que as bibliotecas escolares están a reforzar nos dous últimos anos, co fin de superar estereotipos e impulsar a lectura de textos relacionados coas ciencias.

Plataforma GaliciaLe

As xornadas serán tamén ocasión para presentar a este colectivo das bibliotecas escolares a nova plataforma de acceso ao préstamo de libro electrónico GaliciaLe, que a  Consellería, pon a disposición dos lectores das bibliotecas públicas, presentación que correrá a cargo da Subdirectora Xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal. Da mesma forma, presentarase nas xornadas o Informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria sobre Prospectiva Bibliotecas 2020: As dez áreas que máis van cambiar nas nosas bibliotecas nos próximos anos, o traballo dun grupo transversal que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou en 2013, coa participación de representantes de distintos tipos de bibliotecas.