Cultura e Educación participa na “I Xornada cara unha escola inclusiva” organizadas pola asociación de nenos con déficit de atención con/sen hiperactividade da Coruña

O director xeral de educación salientou que “desde a Xunta de Galicia tense regulado a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes e se promove a colaboración coas entidades que teñen como obxectivo atendela”

Ven, 24/10/2014 - 18:19
 Cultura e Educación participa na “I Xornada cara unha escola inclusiva” organiz
Cultura e Educación participa na “I Xornada cara unha escola inclusiva” organizadas pola asociación de nenos con déficit de atención con/sen hiperactividade da Coruña

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira, en representación da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou hoxe na “I Xornada cara unha escola inclusiva” organizada pola Asociación de Nenos con Déficit de Atención con/sen Hiperactividade (ANHIDACORUÑA), en colaboración coa Asociación Galega de Dislexia (AGADIX), a Unidade de Atención  Educativa USC (ALTAS CAPACIDADES), ademais da Asociación galega de familias con persoas afectadas polo síndrome de Aspergen (ASPERGA) e a Asociación galega de persoas con trastorno específico da linguaxe e as súas familias (ATELGA). O acto celebrouse na facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.

Manuel Corredoira subliñou na súa intervención que “os Plans de formación permanente destinados á actualización e ao perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado que se están a implantar, priorizan as liñas de “Atención á diversidade e os cambios metodolóxicos asociados” e de “Convivencia escolar, clima e relación coas familias”. Estas dúas liñas, engadiu o director xeral, “son claves para unha inclusión real e nas que cómpre a formación dos docentes para un cambio real que se proxecte desde as aulas cara outros eidos da sociedade”

O representante de Cultura e Educación tamén fixo referencia no seu discurso ao decreto 229/2011 do que salientou que “desde a Xunta de Galicia tense regulado a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes e se promove a colaboración coas entidades que teñen como obxectivo atendela”.

Corredoira López rematou o seu relatorio constatando que neste mesmo decreto “a Administración autonómica, asume o compromiso de pór os recursos para adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, así como as situacións sociais  e identidades culturais de todo o alumnado”

Durante a xornada de hoxe tivo lugar a conferencia inaugural a cargo Javier Bahón, sobre o trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH), tras a cal celebrouse unha mesa coloquio no que se tratou a “Situación na Aula”.

Na xornada de mañá Mónica Vilameá fará unha exposición sobre o trastorno específico da linguaxe, mentres que Mónica Villar e Carmen Pomar o farán sobre a dislexia e as altas capacidades, respectivamente. Tamén terán lugar distintos obradoiros e Javier Estévez, presentará a experiencia “Formación do profesorado dentro da aula”. Finalmente se celebrará unha mesa coloquio sobre “Formación de formadores”, trala que se procederá á clausura.