Cultura e Educación e as Fundacións María José Jove e Ingada colaboran nun programa formativo para tratar o alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade

Vai destinado a 200 profesores de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de toda Galicia

Xov, 02/10/2014 - 14:05
O conselleiro de Cultura, a presidenta da Fundación María José Jove e o presiden
O conselleiro de Cultura, a presidenta da Fundación María José Jove e o presidente da Fundación Indaga na sinatura do convenio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e as Fundacións María José Jove e Ingada colaborarán na formación de profesorado para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH). Así queda recollido no convenio asinado hoxe polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, e o presidente da Fundación Ingada, Ángel Carracedo.

Ao abeiro deste acordo ambas as dúas Fundacións organizarán un curso de formación sobre o TDAH desde o ámbito educativo, dirixido a douscentos docentes doutros tantos centros de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato de Galicia.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación encargarase da difusión deste curso entre o profesorado e ofrecerá o soporte técnico para poder desenvolvelo a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado.

O curso -que Educación recoñecerá como actividade de formación permanente do profesorado- impartirase no primeiro trimestre do presente curso e constará de 25 horas de formación teórica. Ademais cada un dos asistentes deberán presentar un proxecto final que terá que ser aprobado polo equipo docente do curso.

Posteriormente, as mencionadas fundacións convocarán unha bolsa, dotada con 6.000 euros, para o proxecto que resulte seleccionado por un comité avaliador multidisciplinario, independente do equipo docente do curso e composto por persoas con ampla experiencia na abordaxe do TDAH.

A Fundación María José Jove é unha entidade sen ánimo de lucro que se centra en áreas como a promoción cultural, a saúde, a educación e a formación e o ocio e o tempo libre. Polo que respecta á Fundación Ingada ten entre os seus fins o de dar asistencia integral a persoas afectas polo TDAH e trastornos asociados en Galicia.

Con este tipo de acordos, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad da un paso máis na atención aos rapaces e rapazas que presentan TDAH. De feito cómpre lembrar Goberno galego a través dos departamentos de Educación e de Sanidade presentou hai uns meses o primeiro protocolo a nivel autonómico para avanzar na prevención e atención temperá deste tipo de trastorno.