A Consellería de Cultura e Educación reforzará o material dos centros educativos para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais

O departamento educativo da Xunta de Galicia enviou hoxe unha carta aos equipos directivos informándoos do procedemento para acceder a estes recursos

Xov, 25/09/2014 - 16:10
 A Consellería de Cultura e Educación reforzará o material dos centros educativo
A Consellería de Cultura e Educación reforzará o material dos centros educativos para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforzará cando sexa necesario o material que os centros educativos utilizan para facilitar o proceso de ensinanza-aprendizaxe do alumnado con necesidades educativas especiais (discapacidade ou trastorno grave de conduta). De feito, o departamento educativo da Xunta de Galicia enviou hoxe unha carta aos equipos directivos informándoos do procedemento para acceder a estes recursos.

Así, a xefatura do departamento de orientación deberá acordar co profesorado titor e co resto do equipo docente o material que necesita cada un dos alumnos ou alumnas con necesidades educativas especiais - nos casos nos que non usa libro de texto-. Unha vez tomada esta decisión, a dirección do centro deberá trasladar a relación dese material xunto coa copia do informe psicopedagóxico no que consten as necesidades educativas especiais da alumna ou do alumno ás correspondentes Xefaturas Territoriais.

O obxectivo é que o alumnado teña acceso ao seu propio material, totalmente personalizado, nos casos nos que os libros de texto elixidos polo centro educativo non se adapten ás súas necesidades educativas, ou nos que o centro non conte cos recursos necesarios.