A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza as ensinanzas da FP galega a través da renovación dos dous convenios de colaboración coa Fundación Laboral da Construción

Os titulados en formación profesional poderán obter a Tarxeta Profesional da Construción, mentres que os estudantes de ciclo medio de Carpintaría e moble do CIFP de Lugo poderán utilizar as instalacións e equipamentos desta Fundación.

Mar, 09/09/2014 - 12:25
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asina co presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción, Antón Arias, a renovación de dous convenios de colaboración en materia de FP

O titular da Consellería de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción da nosa comunidade, Antón Arias Díaz-Eimil, asinaron hoxe a renovación de dous convenios. Un por catro anos para recoñecemento da formación preventiva impartida aos titulados en formación profesional para os efectos da expedición da Tarxeta Profesional da Construción e outro, que terá vixencia no curso 2014/2015, para a colaboración educativa nas ensinanzas da familia profesional da madeira, moble e cortiza.

Obtención da Tarxeta Profesional da Construción

Coa sinatura desta addenda, que non ten contido económico, mantense a colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Laboral da Construción para a expedición da Tarxeta Profesional da Construción aos titulados en formación profesional  inicial.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comprométese a que a formación en materia preventiva que se imparta nas especialidades relacionadas co sector da construción se axuste ás condicións establecidas no Libro II, Título 3 do V Convenio Colectivo Xeral do Sector da Construción. Os diplomas ou certificados de formación se poderán expedir previamente ao acceso do alumnado aos correspondentes módulos de Formación en Centros de Traballo.

E, pola súa parte a Fundación Laboral da Construción comprométese a:

-         Admitir como válida a formación, en materia de prevención de riscos laborais, impartida polos centros educativos dependentes  da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que poderá ser acreditada polo alumno ou alumna para os efectos da obtención da Tarxeta Profesional da Construción.

-         Validar ao alumnado que realice ciclos formativos da familia profesional “Edificación e obra civil” o cumprimento do requisito de experiencia establecido para acceder á solicitude da TPC, dado que en cada un dos ciclos formativos, os alumnos e alumnas realizan o módulo denominado “Formación en Centros de Traballo” (FCT) cunha duración superior a un mes.

 

Colaboración para impartir ensinanzas de madeira, moble e cortiza en Lugo

Coa sinatura desta addenda amplíase para o curso, 2014/2015, a cooperación entre a Consellería e a Fundación Laboral de la Construción para impartir o ciclo formativo de grado medio de carpintaría e moble, nas instalacións da fundación en Lugo e no CIFP Politécnico de Lugo. Hai que resaltar que este centro é o único que oferta en réxime ordinario estas ensinanzas en toda a provincia de Lugo.

Coa ampliación deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación ofrece o seu compromiso coas ensinanzas de formación profesional, aumentando as oportunidades dos estudantes galegos para a inserción no mundo laboral, neste caso no sector da madeira. Neste sentido, cómpre salientar que os espazos e o equipamento que a Fundación pon a disposición permite ao alumnado deste ciclo adquirir unhas competencias que mellora o desenvolvemento das tarefas relacionadas coas súas habilidades profesionais.

Desta forma a Consellería demostra unha vez máis o seu compromiso cunha FP galega de calidade, procurando a mellor formación do seu alumnado, para o que potencia as colaboracións con distintas organizacións e organismos autónomos dispostos a prestar a seu apoio nas ensinanzas de FP, co fin de facer un aproveitamento óptimo dos recursos dispoñibles,