Os programas do Plan Proxecta de innovación educativa, coordinado por Cultura e Educación, implantáronse xa no 35% dos centros educativos de Galicia no seu segundo ano de desenvolvemento

Máis de 86.000 estudantes participaron nos distintos programas educativos nos que se implicaron 7 consellerías e a Presidencia da Xunta de Galicia.
Os proxectos presentados fortalecen o uso das novas tecnoloxías entre os alumnos á vez que potencian a innovación educativa entre o profesorado
Lun, 18/08/2014 - 12:03
Os programas do Plan Proxecta de innovación educativa, coordinado por cultura e
Os programas do Plan Proxecta de innovación educativa, coordinado por cultura e educación, implantaronse xa no 35% dos centros educativos de galicia no seu segundo ano de desenvolvemento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coordinou no curso 2013/2014 o Plan Proxecta, no que participaron 86.128 alumnos e alumnas de 433 centros galegos, cun total de 5.134 profesoras e profesores implicados nun total de 871 proxectos. Isto supón que o 35% dos centros de ensino galego participaron no seu segundo ano de desenvolvemento do Plan, involucrando ao 22,6% dos estudantes galegos e ao 15,56% do profesorado. Respecto ao curso anterior o Plan Proxecta incrementou un 31,3% do alumnado participante, e case un 28% do profesorado implicado, dos que foron emitidos 2.931 certificados de innovación dun total de 3.699 profesores que cooperaron nestas actividades, o que representa case o 80% do profesorado partícipe. Ademais o número de programas desenvolvidos pasou de 18 a 25 e no vindeiro curso serán 28. A solicitude de participación no devandito Plan está aberta ata o 30 de Setembro deste ano.

Obxectivos xerais do Plan Proxecta

O Proxecta procura ofrecer á comunidade galega programas de diferentes ámbitos que fomenten a innovación educativa, constituír un marco xeral de colaboración para presentar todos os programas implicados dun xeito estruturado, ademais de fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns dirixidos á creación de proxectos de innovación que desenvolvan as competencias e os valores. O Plan tamén establece unhas pautas comúns en relación co recoñecemento das tarefas do profesorado nestes proxectos, ademais de establecer uns modelos unificados en relación ao seu traballo nestes proxectos e crear unha rede de traballo cooperativo e interdisciplinario que consiga transformar e mellorar a práctica educativa, transferindo eficazmente as iniciativas innovadoras. Así no 2013/2014 incrementouse a participación da Rede Social do Profesorado, ‘Redeiras’, pasando de 250 a 1554 membros no grupo.

Ademais do fortalecemento das competencias do alumnado, un dos fins principais do plan, é valorar o labor do profesorado no desenvolvemento de iniciativas de innovación educativa. Deste xeito, ademais de recoñecer a súa participación no proxecto como actividade de innovación educativa tras unha avaliación do traballo realizado, estanse a difundir os mellores proxectos a través de EDUGA, Revista Galega do Ensino, na que se  publican os mellores proxectos como modelos de boas prácticas.

De esta forma paralela, a Consellería de Cultura e Educación convocou este curso os primeiros premios ás boas prácticas de innovación educativa, dos que resultaron premiados 231 docentes, moitos deles procedentes do desenvolvemento dos proxectos deste Plan.

Proxectos destacados nos centros de ensino galegos

Entre os traballos máis salientables dos centros do curso pasado destacan a tarefa ‘Todos a tempo’ de MeteoEscolas do CPI Conde de Fenosa de Ares. Un proxecto integral dende Infantil ata cuarto da Eso, incluídos o alumnado do PCPI, no que participaron arredor de 300 alumnas e alumnos. As actividades foron dende a previsión do tempo en distintas linguas (castelán, galego, inglés e francés), ata a preparación e gravación cun Chroma das previsións do tempo, ademais do desenvolvemento dunha app para smartphones e tablets android, dispoñible en Google Play cos datos da estación meteorolóxica do centro.

O IES Francisco Daviña Rey de Monforte e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, participaron xuntos no proxecto ‘O monte vivo’, centrado na problemática dos incendios nos montes galegos mediante actividades de aula  que conciencien ao alumnado sobre esta lacra.Todos os materiais didácticos creados polos nenos están recollidos no blog: http://montesenlume.blogspot.com.es/, no que se poden atopar resumos sobre causas de incendios, formularios para traballar as coordenadas, ou cálculo de ángulos, ademais dunha simulación dun lume forestal mediante un xogo. Ademais, as alumnas e alumnos elaboraron unha sondaxe nos dous distritos implicados, baseada nunha enquisa realizada a máis de 600 persoas con 18 preguntas sobre distintos aspectos dos lumes forestais, ao tempo que realizaron entrevistas en vídeo aos alcaldes de O Rosal e Monforte, xogos feitos con Scratch e elaboraron apps para o móbil con AppInventor publicados en Google Play. Como remate do traballo fixéronse un intercambio de visitas entre ambos centros para valorar in situ a problemática dos lumes en cada zona.Esta achegas tiveron a súa difusión nas redes sociais, entre elas cabe subliñar o novo portal da Consellería de Cultura e Educación: Agueiro.

O IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño, formou parte de ‘ Fotografía en Curso’, no que os escolares aprenderon a facer fotografía do patrimonio material e inmaterial que está a piques de desaparecer cos derradeiros habitantes dos pobos que van quedando abandonados na súa comarca. As creacións poden verse na web http://fotografiaencurs.org/ca .

O CEIP Canosa-Rus de Coristanco involucrouse en ‘Nós tamén creamos!’, no que se achegou ao alumnado de primeiro de Educación Primaria ao uso da linguaxe audiovisual mediante a creación dunha curtametraxe mediante a técnica de Stop Motion, dobrándoa a lingua de signos. Pódese visitar en http://crtvg.es/infantil/nos-tamen-creamos/ceip-canosa-rus-non-quero-ser-un-polbo

Finalmente o IES Moncho Valcarce de As Pontes de García Rodríguez participou nos programas ‘Donas de si’ e ‘Galicons.net’. Para o primeiro fixeron un traballo de investigación sobre escritoras que utilizaron pseudónimos masculinos ao longo da súa carreira, ademais de afondar na súa biografía, ben para poder publicar obras nun mundo reservado aos homes ou para pasar desapercibidas. No segundo, trataron a historia da publicidade, empezando no século XIX ata os nosos días, prestando especial atención á influencia que tiveron as novas tecnoloxías sobre a evolución dos carteis e os anuncios publicitarios.