A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 3.200 profesionais á atención das necesidades educativas especiais do alumnado escolarizado en centros públicos

A dotación de persoal incrementouse de forma notable nos últimos anos, ao tempo que se proporciona aos centros públicos os recursos e material demandados de acordo coas valoracións dos equipos de orientación

Sáb, 16/08/2014 - 11:00
 A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 3.200 profesionais á atenc
A Consellería de Cultura e Educación destina máis de 3.200 profesionais á atención das necesidades educativas especiais do alumnado escolarizado en centros públicos

A Consellería destina un total de 3.223 profesionais á atención á diversidade do alumnado dos centros públicos, entre os que se encontran profesionais de pedagoxía terapéutica, de audición e linguaxe, intérpretes de linguaxe de signos, coidadores, orientadores (que ademais de avaliar ao alumnado traballan con el para a obtención de mellores resultados), fisioterapeutas, etc..

Neste sentido cómpre sinalar que a dotación de persoal medrou de forma notable nos últimos anos, cun incremento de 62 profesionais no curso 13/14 respecto do 12/13. Ademais, no que toca ao material específico, a Consellería atende todos os ditames dos servizos de orientación nos que se propón a adquisición de emisoras de frecuencia modulada, cadeiras adaptadas, equipamento informático específico, mesas e atrís, entre outros recursos, para os centros educativos nos que se escolariza alumnado con necesidades educativas especiais necesitado deses medios. Só neste tipo de recursos cómpre salientar un investimento de máis de 275.000 euros nos últimos anos.

Cómpre lembrar, ademais, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria facilita o transporte escolar de 186 alumnas e alumnos con discapacidades, a través dos convenios asinados coa Asociación de atención á parálise cerebral e afíns Amencer-Aspace, coa Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual (ASPANAEX), coa Cruz Vermella, coa Asociación Comarcal de Educación Especial Santísimo Cristo del Amor (ACEESCA), coa Asociación Grupo de Persoas con Discapacidade da Coruña (GRUMICO), con Baión Asociación para o Tratamento do Autismo (BATA) e coa Asociación Socio—Cultural de Minusválidos (ASCM—Ferrol), o que supón un investimento anual de máis de 367.000 euros.

Compromiso coa atención á diversidade

O departamento educativo da Xunta de Galicia ten demostrado unha gran sensibilidade e compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego. O primeiro paso neste sentido foi o dado no ano 2011, coa publicación do decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado galego, que constitúe unha clara aposta pola construción dunha escola inclusiva, na que o conxunto da comunidade educativa e as administracións e entidades implicadas colaboren para que cada alumna e cada alumno acade os mellores resultados de acordo coas súas capacidades e desenvolvendo ao máximo as súas potencialidades.

Cómpre salientar, ademais, a presentación, en xuño de 2014, do primeiro protocolo a nivel autonómico de intervención co alumnado afectado polo Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), que significou, ademais, un elevado nivel de coordinación e colaboración entre distintos departamentos da Xunta de Galicia, por tratarse dun protocolo de consenso elaborado, conxuntamente, polos servizos educativos -Consellería de Cultura e Educación- e sanitarios -Consellería de Sanidade-, buscando un diagnóstico precoz dese alumnado e unha intervención integral .