O vindeiro curso seis escolas unitarias deixarán de prestar servizo educativo, a menor redución levada a cabo pola administración educativa desde que se teñen datos, motivada pola baixa natalidade
A Consellería de Cultura e Educación realiza antes do inicio de cada curso a reorganización de unidades, conforme ao número de alumnas e alumnos de cada centro
Os datos demográficos amosan unha caída dos escolares en Infantil duns 2.000 alumnos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matriculación dos centros escolares nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso, no marco do habitual proceso realizado polo departamento educativo da Xunta de Galicia antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo. Conforme aos datos recompilados, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 6 escolas unitarias, o que supón a menor redución de centros dunha soa unidade na última década. Cómpre sinalar que, malia ao actual contexto de crise, a Consellería mantén o mesmo criterio para suprimilas: que contén con cinco ou menos alumnos. Ademais, os datos demográficos amosan unha caída do número de escolares na etapa de Infantil, pola baixa natalidade, da orde de 2.000 alumnas e alumnos.
Así, na provincia da Coruña non reúnen os requirimentos para continuar abertas as EEI de San Lourenzo – con 4 alumnos- e EEI de Guimaráns – con 2 alumnos- (ambas en Ames), o CEIP de Castro – con 5 alumnos- (Ordes), o de Visantoña – o alumnado solicitou a matrícula noutro centro- (Santiso) e a EEI de Carnés – con 5 alumnos- (Vimianzo). Na provincia de Ourense deixará de prestar servizo o CEIP de San Mamede – o alumnado solicitou a matrícula noutro centro- (Montederramo). Ademais, na provincia de Pontevedra o CEE do Vao (Poio) pasará a integrarse na EEI do Vao.
Ademais, o citado proceso de reorganización de acordo cos datos de matriculación recollidos nos propios centros educativos deu lugar tanto á creación de unidades, como á súa supresión no caso de que o incremento ou diminución do alumado así o fixo necesario. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existindo un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos/as, non hai perspectivas que garanten que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais e por provincias son os que a continuación se sinalan:
Provincia |
Supresións* |
Creacións |
Habilitacións |
TOTAIS |
A Coruña |
-30 |
+15 |
+9 |
-6 |
Lugo |
-6 |
+7 |
-2 |
-1 |
Ourense |
-7 |
+5 |
-7 |
-9 |
Pontevedra |
-20 |
+9 |
-2 |
-13 |
TOTAIS |
-63 |
+36 |
-2 |
-29 |
*Inclúe as unidades dos centros suprimidos