O conselleiro de Cultura e Educación salienta o investimento de preto de 176.000 euros no CEIP Monte dos Postes de Santiago

Xesús Vázquez comprobou hoxe o avance das obras de renovación da cuberta que se están a desenvolver neste centro

Mér, 23/07/2014 - 17:25
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o investimento de preto de 176.000
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o investimento de preto de 176.000 euros no CEIP Monte dos Postes de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Monte dos Postes, onde o seu departamento ten investido nos últimos anos preto de 176.000 euros; co fin de comprobar o avance das obras de renovación da cuberta que se están a realizar neste momento. No marco deste investimento, realizáronse obras no centro para o acondicionamento da antiga vivenda do conserxe como comedor, espazo que tamén se dotou con calefacción; así como a mellora do aseo de infantil.

Así mesmo, o CEIP dispón de 4 aulas Abalar, contou o curso que acaba de rematar cun auxiliar de conversa estadounidense -  na súa calidade de centro plurilingüe-, e recibe ademais axudas da Consellería para a mellora de fondos da biblioteca.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Jesús Oitavén; e pola subdirectora de Construcións e Equipamento, María Jesús López; o conselleiro analizou co director do centro as necesidades do mesmo, co fin de poder programar novas actuacións no edificio.