As consellerías de Cultura e Educación e Sanidade presentan o primeiro protocolo a nivel autonómico para avanzar na prevención e atención temperá do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade

É ademais o primeiro protocolo de consenso, elaborado conxuntamente polos servizos educativos e sanitarios

O documento establece o procedemento para o traslado de información entre os sistemas educativo e o sanitario, facilitando unha intervención integral que redunde nunha mellora da atención educativa e da calidade de vida destas persoas

Mér, 18/06/2014 - 15:00
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade,
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, Xesús Vázquez e Rocío Mosquera, presentaron esta mañá o que é o primeiro protocolo a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH)

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade, Xesús Vázquez e Rocío Mosquera, presentaron esta mañá o que é o primeiro protocolo a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), así como o primeiro de consenso, elaborado conxuntamente polos servizos educativos e sanitarios, buscando unha intervención integral. Neste sentido, Vázquez e Mosquera salientaron que o protocolo sistematiza unha actuación pola que familias, profesorado, servizos de orientación e persoal sanitario terán unha intervención semellante ante a presenza de persoas con TDAH, facendo fincapé, na atención temperá, na prevención e intervención precoz. “O noso obxectivo conxunto - dixo Vázquez Abad- é avanzar na prevención e atención temperá deste trastorno como forma de mellorar a atención educativa e sanitaria a estas persoas”.

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, explicou que o TDAH é unha patoloxía que afecta, aproximadamente, a 1 de cada 20 nenos. Ademais, actualmente, é un dos motivos máis frecuentes de consulta de nenos nos servizos de psiquiatría e neuropediatría.

Neste senso, entre os obxectivos do Sergas están “ofrecer aos pacientes os mellores resultados, que sexan acordes coa información científica dispoñible, acreditada, e cos menores inconvenientes e custes para o paciente e para a sociedade no seu conxunto”, informou Mosquera.

Os conselleiros quixeron agradecer o amplo traballo desenvolvido por todos os profesionais na preparación deste documento, persoal técnico de ambas consellerías, así como as achegas de entidades relacionadas co TDAH. A colaboración e consenso de ambos os departamentos da Xunta de Galicia permitiu, entre outros avances significativos que supón o decreto, establecer o procedemento para o traslado de información entre os sistemas educativo e o sanitario, aportando os modelos de informe que deben utilizarse, e facilitando ademais un esquema completo de actuación diante dun posible caso de TDAH . “Estou seguro – dixo Xesús Vázquez- de que fixar este procedemento vai ser de gran utilidade para acadar unha intervención educativa e sanitaria integral que nos permita avanzar na atención ás persoas con TDAH e que vai redundar, polo tanto, na mellora da súa calidade de vida”.

Indicadores e orientacións

O protocolo presentado hoxe aborda o concepto de TDAH como un “patrón persistente de conduta de desatención, hiperactividade e impulsividade que comeza a manifestarse ao longo da infancia e que inflúe negativamente no funcionamento e no desenvolvemento das nenas, os nenos e adolescentes afectados”.

Neste senso, Mosquera lembrou que o diagnóstico deste trastorno realízase no ámbito sanitario, pero é no eido educativo e familiar onde se manifestan con maior frecuenta as súas consecuencias negativas. Por este motivo, “faise cada vez máis necesaria unha axeitada coordinación entre estes ámbitos, tanto para a súa detección precoz, como para o seu tratamento, cunha abordaxe interdisciplinar”.

A partires dese concepto, o documento proporciona unha serie de indicadores, pautas e orientacións ás familias e aos profesionais da educación e do eido sanitario en relación á detección e actuacións iniciais sobre un posible caso. Así, encomenda ás familias a tarefa de observar e rexistrar o que sucede no funcionamento familiar e nos xogos, poñer en práctica as orientacións que se ofertan e informar ao profesorado titor do que está a suceder co seu fillo ou filla. No caso do profesorado, o seu labor será o de observar e rexistrar o que sucede no funcionamento escolar e nas relacións sociais, poñer en práctica as orientacións educativas que se ofertan e solicitar a intervención dos servizos de orientación. Estes, pola súa parte, realizarán a avaliación psicopedagóxica e redactarán o informe psicopedagóxico, orientando sobre as medidas educativas a poñer en práctica e sobre os recursos necesarios para a debida atención educativa.

Xa no eido dos servizos sanitarios, o protocolo define as fases do proceso asistencial, establecendo os seus obxectivos, indicadores do proceso e factores clave para o diagnóstico, tratamento e seguimento.

Ademais de encomendar as devanditas tarefas a cada un dos axentes implicados, o protocolo proporciónalles unha serie de anexos con ferramentas para o desenvolvemento do proceso, tales como orientacións ou instrumentos de avaliación psicopedagóxica, entre outros.

Compromiso coa atención á diversidade

“Este protocolo representa, para a Consellería de Cultura e Educación, un fito máis no esforzo por dar unha resposta educativa que atenda a diversidade do alumnado e favoreza o desenvolvemento das potencialidades de cada un dos alumnos e alumnas e o seu éxito escolar”, sinalou Vázquez Abad. Neste sentido salientou o compromiso do seu departamento coa atención á diversidade do alumnado galego, unha liña prioritaria que se reforza agora coa implantación da LOMCE, “que recolle ademais que entre o alumnado que require unha atención educativa diferente á ordinaria está o que presenta TDAH”.

“Hoxe sabemos que o alumnado con TDAH non é un maleducado ou un despreocupado, nin busca ser o protagonista ou o líder do grupo coa súa forma de ser”, dixo, salientando a importancia do protocolo para cambiar a un novo modelo educativo no que se establezan obxectivos ao alcance de todas e de todos, presentar contextos de aprendizaxe adaptados ás diferentes realidades, aproveitar o potencial das novas tecnoloxías. “A evitar que se dea o mesmo tratamento educativo a quen é diferente trata de contribuír este protocolo, destinado a mellorar a atención educativa do alumnado con TDAH”, salientou Vázquez Abad.