A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición da comunidade educativa o borrador do decreto de Formación Profesional Básica para a implantación da LOMCE

O texto será enviado aos sindicatos do ensino e demais órganos de participación para recoller as propostas construtivas de cara ao seu enriquecemento

Mar, 13/05/2014 - 14:08
 A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición da comunidade educativa
A Consellería de Cultura e Educación pon a disposición da comunidade educativa o borrador do decreto de Formación Profesional Básica para a implantación da LOMCE

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon hoxe a través do seu web a disposición de toda comunidade educativa –órganos de participación e consulta, docentes, nais e pais e sindicatos do ensino– o borrador do novo decreto de FP Básica, adaptado á nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). O obxectivo é que os axentes implicados fagan propostas construtivas nas vindeiras semanas para o enriquecemento dos textos antes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

FP Básica, unha mellora cualitativa

No que atinxe á FP Básica, que substituirá aos actuais Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), terá unha duración de 2 cursos académicos, con 2.000 horas de formación, o que supón unha oferta máis completa respecto da existente ata este curso.

Así, ademais dos módulos profesionais específicos de Formación Profesional, haberá módulos comúns para toda a FP Básica, como o de Comunicación e sociedade –que inclúe Lingua galega e castelá, Lingua estranxeira e Ciencias sociais–, de Ciencias aplicadas –que abrangue Matemáticas e Ciencias–; así como formación en centros de traballo (FCT).

Cómpre lembrar que os novos estudantes da FP Básica acadarán ao remate dos seus estudos un título oficial que lles permitirá a súa inserción profesional, o que implica unha importante mellora cualitativa respecto dos PCPI.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorporará no borrador os 21 anexos propostos polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. En concreto, estes anexos corresponden a 14 títulos xa publicados e a 7 que, segundo informa o departamento ministerial, se incluirán en breve na oferta curricular.