A Consellería de Cultura e Educación reúne a preto de 200 mestres nos I Encontros de Educación Infantil e Primaria

As xornadas foron organizadas polo Centro de Formación e Recursos do departamento educativo da Xunta en Pontevedra

Ven, 09/05/2014 - 17:25
 A Consellería de Cultura e Educación reúne a preto de 200 mestres nos I Encontr
A Consellería de Cultura e Educación reúne a preto de 200 mestres nos I Encontros de Educación Infantil e Primaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne este fin de semana a preto de 200 mestres nos I Encontros de Educación Infantil e Primaria, organizados polo Centro de Formación e Recursos do departamento educativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, participou hoxe na apertura destas xornadas, que teñen como obxectivo afondar nos diferentes retos que o ensino afronta na actualidade, tales como o uso dos dispositivos móbiles nas aulas, a mellora da convivencia nos centros educativos ou a importanci da intelixencia emocional.

O representante da Consellería salientou a importancia de que os educadores “incorporen ao seu maxisterio novos coñecementos e ferramentas, obrigados polo tanto a unha constante reciclaxe e posta ao día que fai da educación un dos ámbitos máis dinámicos na nosa sociedade”. Neste sentido,  salientou o esforzo da Xunta de Galicia por fortalecer un modelo “no que o labor de profesores e mestres resulta decisivo para erguer, desde os mesmos cimentos, unha sociedade cada paso preparada e dinámica, fortalecida na súa identidade colectiva e na que sigan a ocupar lugar destacado valores como a convivencia ou a tolerancia”.

“Estes encontros van significar, unha fonte de coñecementos e experiencias, para poder afrontar en mellores condicións este verdadeiro reto de futuro que representa o labor formativo”, dixo, agradecendo á organización e seu esforzo e a participación dos mestres, “ o seu traballo e a súa ilusión”.

Programa dos encontros

As xornadas comezaron hoxe co relatorio ‘ensinar a formular. Preguntas investigables’, da man da mestra e especialista en Didáctica das Matemáticas e das Ciencias Experimentais da Universidade Autónoma de Barcelona, Conxita Márquez Bargalló. Ademais, o psicopedagogo Juan Vaello afondará nas competencias emocionais do profesorado e, xa mañá, Manuel Antonio Porteiro, colaborador do Centro Internacional de Tecnologías Avanzadas, abordará o uso dos dispositivos móbiles no ensino, tema sobre o que tamén ofrecerá un obradoiro.

O programa completarase con obradoiros sobre o ensino das ciencias, o ‘coaching’ como ferramenta de mellora educativa, a creación do cómic en educación infantil, a robótica ou as prácticas de mellora da convivencia, todos da man de expertos na materia.