A Consellería de Cultura e Educación reitera que o menor con autismo escolarizado no CEIP Salgado Torres da Coruña recibe a atención axeitada de acordo coas súas necesidades específicas

As medidas adoptadas para o tratamento educativo do pequeno foron acordadas no seu momento coa familia e axústanse ao indicado polo equipo de orientación e polos profesionais de atención á diversidade do centro

Xov, 24/04/2014 - 17:24
CEIP Salgado Torres
CEIP Salgado Torres

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reitera, diante das declaracións en rolda de prensa da nai, que o menor con autismo escolarizado no CEIP Salgado Torres da Coruña está a recibir a atención axeitada de acordo coas súas necesidades específicas. De feito, o tratamento educativo do pequeno foi acordado no seu momento coa familia e axústase ao indicado polo equipo de orientación e polos profesionais especialistas en atención á diversidade do centro.

O departamento educativo da Xunta de Galicia quere aclarar que non é certo que este curso se lle teña retirado apoio educativo ao menor, nin ningún tipo de recurso. Neste sentido é necesario sinalar que a metodoloxía de traballo utilizada este curso co rapaz é a axeitada para o seu caso, e que o cambio respecto do ano académico anterior non responde, en ningún caso, a un aforro económico.

A Consellería lamenta que a nai do menor estea a dar relevancia pública aos detalles do desenvolvemento educativo do seu fillo, tanto vertendo acusacións infundadas a través de roldas de prensa como a de hoxe, como na propia páxina web que xestiona. Así mesmo, o departamento educativo da Xunta de Galicia considera unha falta de respecto as declaracións da nai cara aos profesionais do ensino que atenden a diario ao seu fillo desde a máxima profesionalidade, procurando o maior desenvolvemento das súas capacidades.

A actitude da Consellería diante deste caso, avalando o traballo destes profesionais da docencia e a atención á diversidade do alumnado, é plenamente obxectiva e sostense sobre o único interese de conseguir que o menor acade os mellores resultados na súa época escolar, tanto a nivel académico como no seu desenvolvemento persoal.