A Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Barrié colaborarán na formación e adestramento do profesorado galego a través de programas de innovación educativa

Xesús Vázquez e José María Arias asinaron esta mañá un convenio a través do que se comprometen a traballar de forma conxunta para ofrecer proxectos que contribúan á mellora das competencias profesionais do profesorado e, como consecuencia, da calidade educativa

Mar, 14/01/2014 - 13:00
Xesús Vázquez e José María Arias asinaron esta mañá un convenio
Xesús Vázquez e José María Arias asinaron esta mañá o convenio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Barrié colaborarán na formación e adestramento do profesorado galego, traballando no deseño, implementación e difusión de accións e programas de innovación educativa que contribúan á mellora das competencias profesionais do profesorado de xeito que se incida finalmente na mellora das competencias do alumnado e en xeral a promoción dos seus talentos. Para iso Xesús Vázquez Abad e José María Arias Mosquera asinaron esta mañá un convenio a través do que ambas as entidades unirán forzas nesta materia, en busca da obtención dunha máis ampla e completa oferta de actuación de adestramento específico para os docentes.

Desta forma a Consellería divulgará as accións de formación e adestramento do profesorado vinculadas aos distintos programas postos en marcha pola Fundación Barrié nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia a través do Boletín Educativo, entre outros medios de difusión, de tal forma que se fomente a participación dos docentes e responsables de innovación educativa nestas actividades.

Certificación de horas de formación

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia recoñecerá debidamente a participación nas mesmas, mediante a certificación de horas de formación. Así mesmo, promoverase que o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os centros da rede de formación permanente do profesorado (CFR) participen na coordinación, seguimento e impulso das accións e programas.

Pola súa parte a Fundación Barrié comprométese a aliñar as actuacións de innovación educativa dirixidas ao profesorado coas principais liñas de actuación establecidas para o sistema educativo galego, nomeadamente cos proxectos vinculados ao Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, Abalar, Atención á Diversidade, Plan de emprendemento no sistema educativo e aos Plans de Formación, entre outros. Tamén ao abeiro do convenio, cooperará coa Consellería na planificación e programación das actividades formativas e fomentará a posta en marcha de proxectos innovadores dirixidos á mellora da calidade do ensino seguindo en moitos casos as mellores prácticas internacionais de innovación educativa. Ademais a Barrié difundirá as actuacións conxuntas mediante as plataformas de comunicación dispoñibles para os distintos programas postos en marcha pola Fundación, como o proxecto EducaBarrié, o espazo de encontro e interacción entre a comunidade educativa e a Fundación Barrié.

A sinatura deste convenio enmárcase na aposta de ambas as partes coa capacitación do profesorado como un dos factores fundamentais para a mellora da calidade educativa, organizando e promovendo actuacións que garantan a continua cualificación e formación do profesorado, a investigación, a experimentación e a innovación educativa.