Un total de 44 centros educativos participarán na nova iniciativa de Cultura e Educación para o impulso das actitudes de colaboración e solidariedade a través das Bibliotecas Escolares

Voluntariado de Lectura-A é un programa que converte a Galicia en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria

Enmarcado no Plan LÍA, este programa favorece que os estudantes colaboren nas actividades desenvolvidas nas bibliotecas escolares, ademais de levar ao resto da comunidade educativa e fóra do centro as iniciativas de dinamización da lectura

Mér, 27/11/2013 - 10:11
 Un total de 44 centros educativos participarán na nova iniciativa de Cultura e
Un total de 44 centros educativos participarán na nova iniciativa de Cultura e Educación para o impulso das actitudes de colaboración e solidariedade a través das Bibliotecas Escolares

Un total de 44 centros educativos das catro provincias galegas participarán este curso na nova iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para recoñecer e impulsar as actitudes de colaboración e solidariedade entre o alumnado galego a través das bibliotecas escolares. Enmarcado no Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, este programa ‘Voluntariado de Lectura-A’, converte a Galicia en Comunidade Autónoma pioneira na creación dunha iniciativa para recoñecer o voluntariado de lectura do alumnado desde o ensino en primaria.

A relación de centros inscritos nesta iniciativa pódese consultar no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace web: /portal/node/11190 .

O obxectivo desta iniciativa é estimular o voluntariado cultural en relación coa lectura, o que poderá concretarse a través da colaboración do alumnado nas diferentes actividades desenvolvidas na biblioteca escolar ou a través de actividades de lectura compartida organizadas pola biblioteca, dentro ou fóra do centro, nas que poderán participar, así mesmo, outros sectores da comunidade educativa. Este labor poderá encadrarse nalgunha ou en varias das tres modalidades desta primeira convocatoria: ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, ‘Ler con...D’, e ‘Ler con...F’.

De entre o total de 44 participantes en toda Galicia, ao remate do curso seleccionaranse 4 centros – un de cada provincia- cuxos estudantes e profesores implicados compartirán as súas experiencias nunha xornadas de  convivencia, no marco das que asistirán a diversos obradoiros, nos que se incidirá nos valores do voluntariado e nas posibilidades do voluntariado cultural. Ademais, abordaranse aspectos relacionados co cooperativismo, os xogos tradicionais, a lectura expresiva, a narración oral, o uso saudable das redes sociais. As nenas e nenos participantes tamén terán ocasión de presentar as actividades de voluntariado de lectura que levaron a cabo durante o curso ao resto de asistentes, e realizarán visitas a bibliotecas e outras institucións culturais do entorno do Centro Residencial Docente da Coruña, onde se celebrarán as xornadas.

Dinamización da lectura dentro e fóra do centro

A primeira convocatoria de ‘Voluntariado de Lectura-A’ ten tres modalidades. Así, ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, vai dirixido  ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro. Nesta modalidade participan 41 centros educativos seleccionados.

As outras dúas modalidades refírense ás actividades de lecturas compartidas. En concreto, ‘Ler con... D’ (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras). En total serán 34 centros os que desenvolvan esta segunda modalidade, podendo desenvolver algunha das outras dúas.

No caso de ‘Ler con... F’ (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello; como con anciáns nas residencias de maiores lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio. Serán 16 os centros que, a maiores de algunha das dúas devanditas, desenvolvan esta modalidade.

Estender os beneficios da biblioteca escolar

‘Voluntariado de Lectura-A’ nace a partires da constatación de que cada vez máis alumnas e alumnos se están a implicar nas  tarefas de atención á biblioteca e de mediación cos seus compañeiros, creando este xermolo de voluntariado cultural. Así mesmo, e a través de iniciativas como as Mochilas Viaxeiras ou os Clubs de Lectura as familias están avanzando na súa implicación nas actividades organizadas polas bibliotecas escolares, sendo en moitos casos os máis pequenos da casa os que actúan como mediadores para que nais, pais e avós a relacionarse cos novos soportes e a formarse como lectores a través delas.

Con esta nova iniciativa a Consellería de Cultura e Educación quere dar un paso máis, tanto no que atinxe ao papel da biblioteca escolar na aprendizaxe do alumnado – en coñecemento e en valores como a solidariedade-, como para estender a toda a comunidade educativa e á súa contorna os beneficios que supoñen á hora de mellorar o rendemento académico e de contribuír a preparar á cidadanía para afrontar os retos da sociedade da información. Ademais cómpre salientar o papel das bibliotecas como espazos de aprendizaxe que favorecen a adquisición de todas as competencias básicas contempladas no currículo, contribuíndo así mesmo a mellorar a competencia en comunicación lingüística do alumnado, así como as competencias para o uso e a produción de información e, en xeral, todas as competencias básicas.

A iniciativa intégrase, así mesmo, como iniciativa de voluntariado nos programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. Neste sentido, pola súa participación nesta actividade, o alumnado e profesorado implicado recibirá unha certificación oficial de teren intervido nesta actividade, de conformidade co establecido na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de  Acción Voluntaria.