A Consellería de Cultura e Educación convoca a fase autonómica do Concurso Hispanoamericano de Ortografía para o ano 2013

O gañador desta etapa representará a Galicia na fase nacional do certame

O prazo para a inscrición de candidatos estará aberto ata o vindeiro 21 de outubro

Ven, 20/09/2013 - 10:48

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca a segunda fase do Concurso Hispanoamericano de Ortografía do ano 2013 na que poderá participar o alumnado que no curso 2013-2014 está a cursar segundo curso de Bacharelato. O obxectivo é que desta etapa saia o representante de Galicia na fase nacional, convocada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Os centros que desexen participar deberán seleccionar unha alumna ou alumno que estea a realizar o segundo curso de Bacharelato. O prazo para a inscrición de candidatos na fase da Comunidade Autónoma estará aberto ata o vindeiro 21 de outubro.

O alumnado seleccionado por cada centro participará nas probas que se celebrarán o día 24 de outubro no IES de Sar (Santiago de Compostela). O/a aspirante que quede no primeiro posto representará a Galicia na fase nacional, acompañado/a por un profesor ou profesora. Os interesados poden consultar a convocatoria no portal educativo da Consellería, no enlace web /portal/concursoortografia .

O obxectivo deste certame é promover e estimular a excelencia e o rendemento académico do alumnado. Neste mesmo sentido, hoxe remata o prazo de presentación de candidaturas aos premios de ESO ao rendemento e mais ao esforzo e superación; e nos próximos días publicarase a resolución dos premios extraordinarios de Bacharelato.